Inauguran no Provincial unha exposición de carteis sobre a doazón de órganos realizados por escolares
Por Redacción
A entrada principal do Hospital Provincial de Pontevedra acolle desde este xoves e ata o vindeiro 15 de novembro a exposición itinerante do cuarto concurso de carteis para escolares relacionado coa doazón e os transplantes.
Foi inaugurada esta mañá pola directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Susana Romero, e o presidente de Adrovi, Celso García. Ambos estiveron acompañados neste evento pola subdirectora médico Dolores Pan Vázquez e polo coordinador de doazón e transplantes desta Área Sanitaria, o doutor José Luís Martinez Melgar.
Nesta exposición, que visitará varios hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde, están os carteis premiados nesta edición do concurso.
No transcurso da inauguración fíxose entrega dos agasallos honoríficos ao alumno Rodrigo Pazos e ao profesor Darío Suárez, ambos do San Narciso de Marín, por recibir o primeiro premio deste certame, co debuxo “A mellor acción é a doazón”.
Cómpre sinalar que nesta nova convocatoria do concurso, destinado ao alumnado de quinto e sexto de Educación Primaria e de primeiro e segundo de Educación Secundaria Obrigatoria, participaron centos de estudantes dunha ducia centros educativos de toda Galicia.
Con esta iniciativa o Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue buscan achegar a realidade dos transplantes á poboación escolar, para que os rapaces poidan valorar os beneficios do fomento da doazón de órganos.
A directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Susana Romero salientou a importancia de seguir traballando na sensibilización das persoas máis novas para crear unha conciencia social favorable ao xesto solidario da doazón e os transplantes.
Así mesmo, puxo en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos en Galicia pola coordinadora autonómica de transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e de todos os integrantes da comunidade educativa galega.
No acto deste xoves no Hospital Provincial, tanto Romero Yuste como García, subliñaron que todo o traballo de fomento da doazón de órganos, xunto co esforzo do Sistema Público de Saúde de Galicia e a xenerosidade cidadá permitiron que durante o pasado ano Galicia sumara 112 doadores de órganos, que permitiron realizar 298 transplantes. Na actualidade máis de 121.000 cidadáns galegos contan con tarxeta de doante de órganos, cifra que crece cada ano.
Relacionadas:
-
A negativa familiar, a "batalla de todos os días" na doazón de órganos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Nuria Cruz, presidenta de Alcer Pontevedra e transplantada de ril: "Un só doante salva sete vidas"
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
Os marchosos máis solidarios: de Pontevedra a Santiago en menos de 12 horas para "salvar vidas"
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
A Pontevedrada 2022 pecha o seu período de inscrición con 1.218 participantes
Por Redacción |
-
Desexos que difunden a doazón de órganos e tecidos e o botafumeiro axuda a cumprir
Por Natalia Puga |
-
2021 pechouse coa doazón de once órganos e nove tecidos na área sanitaria
Por Redacción |