Un día antes da concentración de protesta o Sergas cubre seis das sete prazas de medicina familiar no centro de saúde do Grove
Por Oskar Viéitez
As xestións administrativas efectuadas pola Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés acadaron a cobertura de seis prazas de facultativos de Medicina Familiar e Comunitaria dun total das sete que ten asignado no seu cadro de médicos o centro de saúde do Grove. Coa aportación engadida dun facultativo reincorporado que está a apoiar a actividade diaria deste centro de Atención Primaria arousán.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunica estas incorporacións un día antes da concentración convocada para este venres pola plataforma SOS Sanidade do Grove fronte á sede da Xunta de Galicia, en Santiago, para esixir que o centro de saúde desta localidade volva ter servizo de Pediatría.
O Sergas estima que a cobertura da sétima praza de Medicina Familiar e Comunitaria no centro de saúde grovense "resolverase nun curto período de tempo". Está pendente de adxudicación nunha segunda quenda administrativa da Oferta Pública de Emprego, cuxo proceso de selección levouse a cabo por un concurso de méritos.
Dende a Consellería de Sanidade sinalan que "esta Área Sanitaria mellorou gradualmente ao longo do pasado mes de outubro a situación de carencia de médicos do pasado verán no centro de saúde de o Grove coa incorporación de 4 médicos máis". Dous deles están a cubrir dúas incapacidades temporais, mentres que os outros dous incorporáronse tras a resolución do concurso de traslados do pasado 27 de outubro.
No que atinxe á cobertura de atención pediátrica no centro de saúde grovense, a Área Sanitaria dispón desde este mércores da prestación dunha facultativo procedente doutro centro de saúde, que atende consultas de Pediatría en franxa de mañá, co apoio adicional dos médicos deste centro de Atención Primaria, que tamén asumen con garantía asistencial a demanda de atención pediátrica diaria.
Asi mesmo, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés "continúa a efectuar xestións para normalizar a cobertura médica no Punto de Atención Continuada grovense", onde de catro médicos de dotación habitual disponse de un prestando asistencia, dado que outro presentou unha incapacidade temporal e hai outras dúas vacantes que o SERGAS ofertará a vindeira semana como interinidades.
Lembra ademáis que "cando o Sistema Sanitario non pode garantir a presencia de médico neste PAC, reforza a súa dotación de enfermaría e facilita a consulta telefónica con médicos doutros centros, así coma cos PAC´s de referencia aos que poden acudir os pacientes".
Relacionadas:
-
Gemma Rodríguez, presidenta de AGEFEC: "unha enfermeira é capaz de atender e facer valoración do paciente para trasladalo ao médico"
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
O Consello de Colexios Médicos considera como "atallos ilegais" e "unha temeridade "deixar os PAC só con atención de enfermería
Por Diego Espiño |
-
SOS Sanidade O Grove convoca unha concentración este domingo para reclamar persoal para dúas prazas de Pediatría
Por Anxo Lourido |
-
Montse Prado, do BNG, afirma que a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés é o "banco de probas" do PP para desmantelar a sanidade
Por Anxo Lourido |
-
"A política de recortes na sanidade pública por parte da Xunta de Galicia maltrata aos sanitarios e condena aos usuarios á morte por desatención"
Por Redacción |
-
O número de ausencias de facultativos nos PAC da área sanitaria de Pontevedra é o máis elevado de Galicia
Por Anxo Lourido |
-
A falta de médicos no PAC provoca un Pleno Extraordinario no Concello de Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |
-
José Flores anuncia a reactivación do consultorio de Vilaxoán a partir do 10 de novembro
Por Redacción |
-
O goberno local de Pontevedra esixe á Xunta solucións para evitar que pedir cita médica sexa unha "odisea"
Por Redacción |