PortAmérica e Esmerarte súmanse ao proxecto 'Mares Circulares' para limpar o Encoro da Baxe en Caldas
Por Redacción
21 persoas voluntarias participaron este mércores nunha acción de recollida de lixo no encoro da Baxe, en Caldas de Reis, que organizaba a asociación Chelonia en colaboración con Coca-Cola, co apoio do Concello de Caldas de Reis, Esmerarte, PortAmérica e AJE Pontevedra, entre outros.
Durante a xornada foron recollidos 116 quilos de residuos na presa do río Umia, entre os que se atopaban 16 quilos de vidro e máis de dous quilos de PET (polietileno tereftalato), que serán reintegrados na cadea de valor da marca de refrescos coa intención de desenvolver a economía circular.
Jose Carlos Giménez, director de Desenvolvemento de Negocio de Esmerarte, sinala que "Esmerarte Industrias Creativas é a empresa promotora do festival PortAmérica, unha celebración de todas as cousas boas que nos unen como humanos. O sentimento do festival acompáñanos todos os días do ano. PortAmérica ensinounos que se pode vivir doutra maneira. Que é posible crecer cos demais e non á súa costa. Que é posible convivir coa natureza sen destruíla. Que da man chegamos máis lonxe. A limpeza do encoro do Río Umia, enmarcada dentro de Mares Circulares, é un exemplo máis de como vivir á portamericana. Que non é máis que ser xeneroso e preguntarse se un pequeno cambio en ti pode supoñer un gran impacto positivo nos demais".
Mares Circulares é un programa en rede impulsado por Coca-Cola, en España e Portugal, que naceu no ano 2018 para buscar solucións ao problema do lixo mariño. Conta co apoio do goberno español. Desde 2018 retiráronse 1.541 toneladas de residuos coa participación de máis de 30.000 voluntarios en 400 limpezas de contornas acuáticas. Na iniciativa realizada en Caldas tamén participaron Diario de Pontevedra e AsoproVida.
Os espazos nos que se realizan as actividades son monitoreados coa intención de recoller datos para un posible tratamento por parte da comunidade científica para preservar os medios acuáticos.