O Serán-Magosteiro volve despois da pandemia e aguarda 800 persoas en Moraña
Por Redacción
O Serán-Magosteiro volve a Moraña neste ano 2022 despois de dous anos de parón obrigado pola covid-19. Será este sábado 12 de novembro a partir das 18.00 horas nunha gran carpa situada na explanada que hai a carón da Carballeira de Santa Lucía.
A asociación Cultural Peña Espetados organiza esta edición coa colaboración do Concello de Moraña e agarda sobrepasar as 800 persoas de Moraña e doutros puntos da xeografía galega.
A xornada comezará cun pasarrúas musical polo centro urbano de Santa Lucía ás 18.00 horas a cargo da Banda do Patio e no que tamén participará a Batucada da Escola de Música municipal de Moraña.
A partir das 20.00 horas comezará o magosto, no que o Concello ofrecerá ata 200 quilos de castañas de balde que a asociación complementará con chourizos tamén de balde e bebidas a prezos populares.
Tamén haberá actuacións musicais, con 7 grupos confirmados ata o momento e chegados de diversos puntos de Galicia.
Abrirá un ano máis a ruada de Moraña o Combo Folque da Escola de Música do concello e tamén compartirán palco As Cantareiras Madialeva e Os Druídas dende Meis, as Hai que Roelo dende Cuntis, o Trío Prata dende Teo, as Pandereteiras Lumieira dende Boiro ou as Pandereteiras de Monteboi dende Baiona.
O magosto de Moraña rematará cunha gran foliada aberta a todo aquel que desexe participar. Ademais, durante toda a noite realizaranse sorteos de diversos produtos agasallados por máis de 30 comercios e bares de todo Moraña.