A primeira partida de droga "cociñada" en Valladolid viña para Cambados
Por Oskar Viéitez
A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa decretou prisión eludible cunha fianza de 30.000 euros para Yolanda Charlín, sobriña do patriarca do 'clan dos Charlines', por un suposto delito contra a saúde pública.
A xuíza decretou o seu ingreso na prisión provincial da Lama ata que se acredite o pagamento da fianza establecida. As mesmas medidas foron tomadas coas outras dúas persoas que foron detidas na comarca de Arousa e que tamén este martes prestaron declaración xudicial. Entre elas encóntrase o marido de Yolanda Charlín, un home de nacionalidade hondureña, así como un terceiro individuo, veciño de Vilagarcía.
A súa detención produciuse no marco dunha operación na que a Policía Nacional desmantelou en Valladolid o primeiro centro de produción de heroína descuberto en España. O laboratorio estaba situado na localidade valisoletana de Fuensaldaña. Na operación foron arrestadas nove persoas, entre elas a filla de José Luís Charlín, irmán do patriarca do "clan dos Charlines". Un home de nacionalidade turca era o responsable de transformar grandes cantidades de morfina en heroína. A organización desarticulada provía aos principais distribuidores de heroína en distintas comunidades autónomas españolas. Foron incautados 20 quilos de heroína, 20 quilos de morfina, 75 quilos de precursores, prensa e moldes para empaquetar a droga e diñeiro.
A investigación iniciouse o pasado mes de abril tras detectar en Valladolid a presenza dun grupo de narcos. As primeiras indagacións realizadas permitiron aos axentes descubrir que adquiriran unha serie de elementos necesarios para crear un laboratorio onde elaborar heroína. Recentemente, os investigadores conseguiron situar o lugar onde instalaran o centro de transformación, unha vivenda unifamiliar na localidade de Fuensaldaña (Valladolid). Dende ese momento, o lugar estivo baixo control para observar os movementos dos responsables da organización.
PRIMEIRO LABORATORIO DE HEROINA DE ESPAÿA
O pasado día 4 de decembro, os axentes detectaron movementos no domicilio investigado e observaron a saída dun vehículo do interior do inmoble. Ante a posibilidade de que este coche transportase estupefaciente, foi interceptado. No interior acháronse doce cilindros de heroína ocultos no oco habilitado normalmente para o airbag e coa que pretendían captar gran parte do mercado galego. Unha vez comprobado que efectivamente se trataba dun transporte de droga, procedeuse á detención do condutor e realizouse unha entrada e rexistro no interior do chalé onde presumiblemente se procesaba a droga.
Unha vez no interior da vivenda, os axentes comprobaron que tal como se sospeitaba existía un laboratorio de produción de heroína e incautáronse de preto de doce quilogramos de heroína, dezaoito quilogramos de morfina, cincuenta quilogramos de carbonato cálcico e outros seis doutra substancia de corte. No inmoble foron arrestadas outras cinco persoas, entre elas o "químico", de nacionalidade turca, responsable do laboratorio. Entre os outros catro detidos, hai outro cidadán turco, dous españois e unha muller paraguaia.
MAIOR APREHENSIÿN DE MORFINA DE ESPAÿA
Nunca antes se producira no noso país unha aprehensión de morfina de tanta importancia. Ademais, a heroína intervida constitúe unha das aprehensións deste estupefaciente máis importantes realizadas en 2013. O centro de transformación de morfina en heroína, o primeiro dos deste tipo achado en España e posiblemente en Europa occidental, encontrábase en pleno funcionamento. No momento da intervención encontrouse unha importante cantidade de heroína -o produto final do proceso- material de todo tipo para a súa elaboración, precursores e substancias de corte.
DETENCIÿN DOS NARCOS GALEGOS
O estupefaciente interceptado no vehículo pretendía ser trasladado ata a localidade pontevedresa de Cambados e fora adquirido por un grupo de narcotraficantes galegos liderado por Yolanda Charlín, sobriña do patriarca do "clan dos Charlines", e polo seu marido de nacionalidade hondureña. Unha vez comprobada a súa participación nos feitos, ambos os dous e un terceiro individuo de nacionalidade española foron arrestados.
Os datos obtidos durante a investigación permitiron aos axentes comprobar que a organización desmantelada se encargaba directamente de obter a morfina e as substancias necesarias para transformala en heroína. Tamén se comprobou que ademais da produción, se encargaban de buscar provedores de heroína polo resto de provincias españolas.
A operación foi desenvolvida por axentes da UDYCO Central adscrita á Comisaría Xeral de Policía Xudicial (GRECO Galicia, Seccións segunda, terceira e cuarta da Brigada Central de Estupefacientes) e Brigada de Estupefacientes de Valladolid.