Sogama prevé que a planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa dea servizo a 26 concellos en 2023
O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, acompañado polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, visitaba na na mañá deste venres, no polígono industrial de Baión, as obras da futura planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, que está previsto que dea servizo a 26 concellos en 2023.
A planta vilanovesa integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos recibidos na mesma: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído.
Así mesmo, a enerxía necesaria para a operativa industrial procederá de fontes renovables, fundamentalmente de paneis solares, contribuíndo con isto á loita contra o cambio climático.
A instalación, que ocupa unha superficie total de 20.000 metros cadrados en sete parcelas e polas que a Sociedade pública efectuou un desembolso de 1,5 millóns de euros, ten capacidade para xestionar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e outras 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), o que lle permitirá producir ao redor de 6.000 toneladas/ano de compost, cuxo destino será o sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Con carácter previo aos primeiros traballos de acondicionamento do terreo, resultou necesario tramitar a Autorización Ambiental Integrada (AAI), aparellada a un complexo proceso administrativo, así como a correspondente licenza urbanística municipal e outros permisos para poder acometer unha obra destas características.
DESPREGAMENTO DE 18 INSTALACIÓNS PARA A VALORIZACIÓN DE FORSU
A planta de biorresiduos de Vilanova, xunto coa de Cervo (Lugo) -que estará lista o próximo mes de decembro-, a de Verín (Ourense) -cuxas obras comezaron hai un mes- e a de Cerceda (A Coruña) -en funcionamento-, contarán co apoio de 14 plantas de transferencia -6 de nova construción e 8 de adaptación- que disporán dun punto de transvasamento para a materia orgánica. Serán, en total, 18 instalacións coas que se dará cobertura á meirande parte dos municipios adheridos a Sogama, propiciando que conten cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Tal e como manifestou Javier Domínguez, "malia a grave crise de materiais que estamos a sufrir en Europa debido ao actual contexto xeopolítico e o desorbitado prezo das subministracións e servizos, sacaremos adiante esta planta, que marcará un antes e un despois na xestión dos residuos municipais na provincia ao incrementar a achega á reciclaxe por parte dos pontevedreses", ao que engadiu que "Sogama porá a disposición toda a nosa enxeñería, medios, capital humano e esforzo para que a rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica estea ao dispor dos concellos en prazo e forma".
A obra da planta de Vilanova conta cun cofinanciamento dos Fondos FEDER como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19, toda vez que repercute na protección do medio ambiente e, en consecuencia, nunha maior calidade de vida.
Relacionadas:
-
Sogama poñerá en marcha a súa planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa en outubro
Por Redacción |
-
Sogama lanza unha nova páxina web coa que pretende achegar, aínda máis, o seu labor aos cidadáns
Por Noticia patrocinada |
-
O colexio de Lourido entre a vintena de seleccionados de toda Galicia para participar no programa "Recíclate con Sogama"
Por Redacción |
-
Reclaman que SOGAMA bonifique tamén a compostaxe doméstica e comunitaria
Por Redacción |
-
Sogama financiará con preto de 150.000 euros proxectos ambientais en Vilanova de Arousa
Por Redacción |
-
Javier Domínguez pon en valor o labor de Sogama nun encontro de entidades públicas
Por Noticia patrocinada |
-
Sogama é un referente internacional na xestión de residuos e dá servizo ao 94% dos concellos galegos
Por Noticia patrocinada |