Amencer-Aspace agarda iniciar a súa actividade na residencia de Centro Sur en setembro de 2023
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, acompañado de Anabel Gulías, concelleira responsable da xestión dos fondos europeos, e do concelleiro Marcos Rey, responsable de Benestar Social, visitaban durante este venres a reforma que se está acometendo en dúas das catro plantas do edificio Centro Sur, situado en Campolongo, unha obra que afronta a empresa Construcións Ramírez.
Estas dúas plantas converteranse en sede da residencia da Asociación Amencer-Aspace, colectivo que atende a persoas con parálise cerebral e afíns, que preside Carlos Godoy, quen acompañou aos representantes políticos durante a visita. Este espazo permitirá acoller a 32 persoas usuarias, 16 por planta. Espérase que as obras se atopen finalizadas no primeiro trimestre de 2023.
Godoy explicou que a asociación se mantén en conversacións coa Consellería de Política Social coa intención de que axude a asumir os custos para as familias que precisen desta residencia. Entende que con oito prazas, este espazo podería comezar a funcionar e recoñeceu que moitos usuarios están a demandar que estes recursos se poñan en marcha, xa que, na actualidade, teñen que residir noutros centros de Vigo.
Espera que coa colaboración de Política Social, a residencia poida iniciar a súa actividade en setembro do próximo ano. "Pola nosa parte estamos preparados co plantel de persoal e canto antes poidamos ofertala á sociedad mellor para nós e para os usuarios", explicou Godoy.
Amencer-Aspace conta na actualidade con 150 persoas asociadas, ás que hai que sumar aquelas que reciben tratamentos externos de rehabilitación en centros da asociación situados en Vilagarcía, Pontevedra e Vigo. En referencia a esta nova residencia, Godoy sinalaba que dará tranquilidade porque os usuarios "quedan en mans dunha entidade de máis de trinta anos de experiencia. Para a cidade e a contorna é fundamental. Hai colectivo dabondo por desgraza necesitado deste recurso", apuntou.
Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que esta reforma é posible grazas á firma do convenio coa ONCE que permitiu incorporar ao patrimonio municipal o ximnasio e o Centro Sur, que se habilitará tamén noutras dúas plantas no futuro para dar acollida á asociación Amizade. Ademais, o convenio coa ONCE permite conectar esta zona co centro da cidade cunha vía que unirá Campolongo coa avenida de Vigo.
A obra está a realizarse con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que financian a Estratexia DUSI "Máis modelo, Pontevedra". O investimento supera os 1,5 millóns de euros nesta reforma inicial, que foron complementados con 50.000 euros máis para cambiar as fiestras xa que non era posible empregar as existentes no inmoble orixinal.
Relacionadas:
-
Chegan as celebracións de Nadal para as persoas usuarias de Amencer-Aspace
Por Redacción |
-
Inaugurada a nova residencia de Amencer-Aspace
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Dous millóns de euros para crear unha trintena de novas prazas no centro Princesa Letizia
-
A ONCE saca a licitación por 1,2 millóns a segunda fase da urbanización dos seus terreos en Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
A entrega da residencia para persoas con parálise cerebral do Centro Sur atrásase ata comezos de 2023
Por Oskar Viéitez |
-
A futura residencia de Amencer-Aspace no Centro Sur vai tomando forma
Por Redacción |
-
Inminente inicio da reforma do Centro Sur para convertelo en residencia para dependentes
Por Alejandro Espiño |
-
Adxudicadas por 1,5 millóns as obras de reforma do Centro Sur de Campolongo
Por Redacción |