Mosquera nega "improvisación" por A Barca: un estudo de tráfico de 2011 xa prevía as medidas
Por Natalia Puga
O concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, negou este mércores as acusacións de "improvisación" en todas as medidas adoptadas para a reordenación do tráfico na ponte da Barca e o seu ámbito. As recriminacións chegaron do Partido Popular e do PSdeG-PSOE, socio do Goberno Bipartito pontevedrés. Para saír ao paso a todos sacou un plan de tráfico e mobilidade do ano 2011 no que xa se prevían as medidas adoptadas agora.
Mosquera trouxo a conto o citado estudo para rebater, en concreto, o contido da moción que os socialistas e os 'populares' levarán ao próximo Pleno da Corporación para forzar a apertura sen restricións da Barca. O texto do PSdeG-PSOE que o PP anunciou que secundará pide que se fagan estudos de tráfico, ao que o edil de Infraestructuras responde que non é necesario un novo informe se hai un de hai tan só dous anos e medio.
Mosquera sinala que nese plan de mobilidade se propoñen diversas opcións para a reordenación do tráfico e, no caso da Barca, a que se adoptou agora é "a máis suave", inclúe outras alternativas "máis drásticas".
Tras expoñer o contido dese estudo de tráfico, o edil nacionalista recordou ao PSdeG-PSOE e o PP que o contido deste estivo a exposición pública no ano 2011 e se abriu un período de alegacións no que si houbo algunha apreciación, pero ningunha no que ten que ver coa zona da Barca.
Recrimina a PP e PSOE que "non fixeron o seu traballo hai dous anos e medio" e non alegaron ao estudo
"Non houbo alegacións nin por parte do PP nin do PSOE nin dos veciños nin dos comerciantes", sinala Mosquera e, a continuación pregúntase a que veñen as acusacións "radicalmente falsas" de que non hai estudos de tráfico e que todo se debe á improvisación. El interpreta que "non fixeron o seu traballo hai dous anos e medio" e valora que "paréceme unha amnesia sorprendente que non sepan que hai este estudo".
O citado plan de tráfico elaborado pola empresa Petra baséase nunha fase de diagnóstico realizada no ano 2010 e en relación con esta zona da cidade formula propostas co obxectivo de "reducir o tráfico no anexo da ponte da Barca, aproveitado a apertura da ponte das Correntes", pois "é intenso e condiciona o uso das vías que dan acceso á ponte, especialmente de Echegaray e Alfonso XIII".
O plan propón dúas posibles alternativas e detállaas. A primeira pasa por permitir o uso da ponte de entrada dende Poio como se aplicou nas últimas semanas con motivo das obras de Acuaes e a segunda formula permitir o tráfico de saída do centro de Pontevedra cara a Poio.