O incendio en Pontesa chega ao Parlamento de Galicia
Por Redacción
O grupo parlamentario do BNG, a través do deputado Luís Bará, presentou preguntas no Parlamento de Galicia coa intención de obter respostas por parte do goberno da Xunta en relación ao incendio que se producía nas instalacións da antiga fábrica de Pontesa, situada na parroquia de Ponte Sampaio.
Advirte de que unha semana despois do sinistro, as condicións das instalacións aínda son de gran inflamabilidade e é necesaria a presenza cotinua do servizo de bombeiros para humedecer e arrefriar a gran cantidade de gran acumulado. Lembra a presenza de amianto na cuberta do edificio e os riscos derivados da súa queima e propagación.
Bará sinala tamén que tanto na antiga Pontesa como nas da coñecida fábrica da Cros na Xunqueira de Alba se realizan actividade de almacenamento e transporte de materiais como cereais procedentes do Porto de Marín ou vencellados á actividade de Ence, con grandes cantidades de madeira. O deputado nacionalista indica que se trata de actividades que se realizan en contornas urbanas e naturais con fortes impactos e convida a estudar o seu traslado a outras zonas máis favorables.
Na iniciativa recóllese que o Concello de Pontevedra informou a outras administracións sobre a situación irregular das instalacións e instou á adopción de medidas oportunas por parte da Axencia para a protección dá Legalidade Urbanística (APLU) e Costas, ao tratarse de terreos de servidume marítimo terrestre. Explica que a Brigada da Policía Científica elabora un informe sobre a orixe e as causas do incendio, que deberá enviar ao xulgado. Insiste en que hai un atestado en curso por parte da Policía Xudicial con datos sobre as naves e as consecuencias do sinistro.
Tamén sinala que a Inspección de Traballo realiza un informe sobre as condicións de seguridade e saúde das instalacións, con restrición do acceso agás con traxes de protección debido á presenza de amianto en suspensión. Tamén está en marcha un expediente por parte do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISSGA).
Bará mostra a súa sorpresa pola "falta de información" por parte do goberno galego, que ten compentencias na autorización de actividades industriais, no control de seguridade e saúde laboral, e en materia de legalidade urbanística.
Debido á alarma social xerada e a morte de Benito González, empregado do Grupo Nogar, o BNG insta á Xunta a que informe sobre a situación legal das instalacións da antiga fábrica de Pontesa; reclama a apertura dunha investigación sobre a situación das naves, causas e consecuencias do incendio e medidas a adoptar para evitar situacións similares no futuro; tamen demanda a elaboración dun estudo sobre os riscos de contaminación por amianto e medidas para a súa retirada.
Relacionadas:
-
Esixen solucións "urxentes" ante o "insostible" problema do humo que emana de Pontesa
Por Redacción |
-
Preocupación veciñal polo fume de Pontesa: "Pícanme os ollos e a garganta. Non podo saír da casa sen máscara"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A empresa inicia unha investigación propia sobre o incendio en Pontesa, onde almacena 42.000 toneladas
Por Natalia Puga |
-
A Policía ultima o informe sobre o incendio de Pontesa
Por Natalia Puga |
-
Rafa Domínguez, sobre o incendio en Pontesa: "Parece pouco crible que o alcalde non soubese nada do que estaba alí sucedendo"
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
A nave de Pontesa, tres días despois: con fume, conatos continuos e riscos por amianto
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Lores: "Pensei que o Grupo Nogar era unha empresa seria e rigorosa pero non o é"
Por Alejandro Espiño |
-
Falece Benito González, o traballador ferido grave no incendio de Pontesa
Por Alejandro Espiño |