Pontevedra conxelará por noveno ano consecutivo todos os seus impostos e taxas municipais
Por Alejandro Espiño
Un ano máis, e con 2023 serán nove, Pontevedra manterá conxelados todos os seus impostos e taxas municipais. Así o confirmou este mércores o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou que nin sequera se actualizará o IPC.
"Non sei se hai algún outro concello que leve nove anos coas taxas conxeladas", sinalou Fernández Lores, tras avanzar que os traballos para elaborar o orzamento municipal para o próximo ano "van ben", do mesmo xeito que as negociacións co seu socio de goberno.
O rexedor subliñou que no Concello "somos conscientes" de que o país vive un momento económico "fastidiado" pola subida dos prezos, polo que optan por non repercutir o IPC, que se situou nun 7,3% durante o mes de outubro.
Dentro desta política fiscal, o alcalde avogou por "aquilatar moi ben" os ingresos municipais e por "non facerlle pagar a crise aos cidadáns", de forma que o goberno local poida seguir realizando investimentos "de todo tipo".
A este respecto, o PP solicitará no próximo pleno que o Concello reduza a súa carga fiscal nunha porcentaxe similar ao que subiu a inflación, un 7,5%.
Esta medida aplicaríase ao imposto sobre bens inmobles (IBI), ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica e á taxa de recollida de lixos.
"Dá a impresión que o PP pensa que o Concello ten unha maquinaria de facer cartos", ironizou o alcalde, que non ve como compaxinar a redución de ingresos co aumento dos investimentos que se reclaman en todo o municipio.
Relacionadas:
-
Pontevedra incorpora 23,3 millóns de remanentes ao seu orzamento para abordar novos proxectos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello, aberto a prorrogar os orzamentos: "Non todos os anos houbo e non pasou nada"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra prevé gastar cinco millóns anuais na factura da luz
Por Alejandro Espiño |
-
O pleno do "non é non, porque vén do PP"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP proporá ao pleno unha baixada dos impostos municipais para facer fronte á inflación
Por Anxo Lourido |