Cuntis busca cen alumnos para unha nova edición do plan integrado de emprego
Por Redacción
Un cento de persoas desempregadas participarán nunha nova edición do plan integrado de emprego que Cuntis organizará, de maneira conxunta, xunto os concellos de Caldas de Reis, Portas, Barro e Moraña durante un total de once meses.
Este plan formativo recibirá unha subvención de 250.000 euros, concedidos pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con fondos do Ministerio de Traballo, para poder desenvolver a súa actividade. Outros 62.000 euros achéganos os concellos participantes.
Será unha formación en diferentes ámbitos e coordinada coas empresas da zona, orientada a demandantes de empregos cun perfil determinado.
Resérvanse 50 prazas para menores de 30 anos con baixa cualificación e outras quince para a mesma franxa de idade pero con cualificación.
Maiores de 45, persoas con discapacidade e demandantes en situación de risco de exclusión social poderán optar a esta oportunidade formativa para acceder ao mercado laboral.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, considera que este programa é unha excelente ferramenta para mellorar a formación desde un punto de vista práctico e titorizado, xa que permite aos alumnos beneficiarse das vantaxes de contar con docentes que deseñan un itinerario de busca de emprego individualizado segundo as circunstancias de cada participante.
Os responsables do desenvolvemento do programa contactan coas empresas do entorno para que o alumnado realice as prácticas nos seus centros de traballo, o que garantiu unha inserción laboral superior ao 52% dos participantes na edición que está a piques de rematar.
"Sabemos que perfil de traballadores necesitan as nosas empresas e focalizamos a formación en función da demanda existente ", explica Campos. Así, nesta vindeira edición o alumnado especializarase en áreas como a hostalaría, o comercio, a soldadura ou o sector forestal.
O programa desenvolverase no Centro de Formación Ocupación A Ran de Cuntis, que acollerá o itinerario formativo dun programa que inclúe unha parte importante de prácticas en empresas nas que o alumnado fortalece os coñecementos adquiridos nas aulas.
Relacionadas:
-
A renovación do convenio de orientación laboral levarase a pleno extraordinario en Cuntis
Por Redacción |
-
O programa de formación para adultos de Cuntis consolídase como unha referencia en toda a comarca
Por Redacción |
-
Aumenta a demanda do servizo de orientación laboral de Cuntis, con máis de 360 entrevistas no primeiro semestre
Por Redacción |
-
O programa de emprego de Cuntis terá nova edición despois de lograr traballo ao 42% dos participantes
Por Redacción |