Revelamos o misterio da casiña do Ratiño Pérez aparecida nun recuncho de Pontevedra

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© PontevedraViva

© Mónica Patxot

© PontevedraViva

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
De todos é coñecido que o Ratiño Pérez non ten unha residencia fixa, senón que se vai desprazando por todos os fogares onde un neno perde un dente. O meniño ten que deixar a peza baixo a almofada ou nunha caixiña para que, durante a noite, o rato troque a peza por unha moeda, algún doce ou un pequeno agasallo.
O primeiro conto que se lle dedicou foi obra do xesuíta Luis Coloma, que o escribiu por petición da raíña rexente María Cristina para o seu fillo, o rei Alfonso XIII, cando tiña 8 anos.
O ratiño sabemos que se move aproveitando a escuridade da noite para non ser descuberto. Pero, onde se acubilla o Ratiño Pérez durante o día?
Sorprendentemente, en Pontevedra apareceu unha porta de acceso á súa vivenda na céntrica rúa Virxe do Camiño, que pasa desapercibida para os adultos, pero non para os máis pequenos.
Tras varias pescudas, un equipo de PontevedraViva descubriu que fora o mesmo Ratiño Pérez o que pediu a un mestre canteiro pontevedrés que lle axudase a facer a casa. O elixido para esta misión foi Emilio González, profesional de longa traxectoria que se formou na Escola de Cantería de Poio.
O axudante do Ratiño Pérez, que é así como quere ser identificado, relata en entrevista telefónica que xa fixera unha porta secreta en Barcelona, cidade na que actualmente reside polo seu traballo nas obras de restauración da basílica da Sagrada Familia. "Eu fíxena sen ánimo de lucro, porque me gusta que os nenos estean felices e que esta tradición perdure". De feito, a súa filla de 6 anos "que está co tema dos dentes" é a súa grande inspiración.
O Ratiño Pérez decatouse de que Emilio lle construíra esa casiña para descansar entre viaxe e viaxe na Cidade Condal e, moi agradecido, contactou con el para que lle fixese outro fogar, neste caso en Pontevedra. Axiña, este artesán púxose mans á obra, elaborou as pezas no piso dos seus pais e a noite do 5 de novembro de 2021, para que ninguén o descubrise e manter o segredo da encarga, instalou a porta da tobeira do Sr. Pérez no número 14 da rúa Virxe do Camiño.
"A porta é como se fora un dente feito en mármol, ten dous arboliños, dúas xardiñeiras, un columpio, unhas gorras feitas de barro cocido...", explica o creador desta casiña, quen tamén nos aclara que "o Ratiño Pérez, cando pon unha gorra xunto á porta, desaparece, e por iso non o ven de noite. Hai tres gorras en diferentes estilos: se vai a unha casa de campo pon un gorro de palla, se vai a unha na cidade pon unha gorra normal e se vai por exemplo a unha praia pon un sombreiro".
Emilio González asegura que o Ratiño Pérez lle deu liberdade absoluta para a súa creación, e nela hai influencias mesmo de Gaudí, a cuxa obra da Sagrada Familia leva máis de dez anos vinculado. En concreto, na bandeirola que coroa a porta atopamos o chamado 'trencadís', "unhas plaquetas de diferentes cores que ao rompelas fas formas e colócalas ao teu gusto e fas como unha pizarra de diferentes cores" e que se poden ver en lugares tan coñecidos como o barcelonés Parque Güell.
Pódenos a curiosidade e preguntamos a Emilio en que se diferencia o seu labor diario sobre a pedra da Sagrada Familia, adoito pendurado con arnés a varios metros de altura na que será a igrexa máis alta do mundo, co traballo en miúdo na casiña do Ratiño Pérez. "Eu penso que é o mesmo nivel, eu faría a comparación de que na Sagrada Familia tes que ver máis o global e na Casa do Ratiño Pérez os detalles, son diferentes traballos pero todos feitos coa mesma ilusión, a mesma gana e sobre todo con moita inspiración". Toda unha declaración de principios do mestre canteiro.
Neste primeiro ano de estadía do Ratiño Pérez na cidade de Pontevedra cóntanse innumerables anécdotas. Os visitantes van dos 5 aos 10 anos, aproximadamente, o abano de idades nas que caen os dentes do leite. Os máis pequenos soen petar na porta, para ver se por casualidade parou por alí o ratiño, e aos que xa lles caeu un dente acoden para dar as grazas polo agasallo que recibiron.
Por casualidade, mirando a casiña atopámonos con Lucas, un visitante moi especial de 7 anos. Confíanos que é o sobriño de Emilio, o axudante do Ratiño Pérez, e "cando durmo aquí cos avós limpo a casa con auga e un pincel". Tamén avisa se hai que repoñer algunha peza, aínda que, para evitalo, toda a estrutura está moi ben ancorada. Recentemente o ratiño deulle unha sorpresa pola noite: "o outro día, cando me caeu o dente, tróuxome tres sobres do Mundial".
Todos son benvidos ao refuxio do Ratiño Pérez agás os gatos e, para avisalos, xunto á porta loce un sinal cunha franxa diagonal vermella sobre a cara dun michiño.
MAXIA NOS NEGOCIOS VECIÑOS
Ao carón da casiña do Ratiño Pérez atópase a pizzería-restaurante Il Piccolo. O seu propietario, Francesco Iannelli, comenta que "os nenos que veñen ao local deixan comida e chucherías diante da portiña" e iso é unha alegría. Un veciño confirma que ata deixaron queixo, cartas e plantas.
A rúa é peonil, así que é un espazo totalmente seguro para os nenos. Enfronte sitúase a xoguetería A balea das cores. A súa propietaria, Almudena López, corrobora a emoción coa que os nenos se achegan a visitar o fogar do ratiño.
Na súa tenda ten á venda bonecos do Ratiño Pérez, as caixiñas decoradas para deixar os dentes e as portiñas que, postas na habitación, convidan aos nenos a crear historias sobre a maxia que se agocha na tobeira. Curiosamente, de todos os obxectos vencellados co Ratiño Pérez, a portiña é o que máis se vende, descoñece se é polo efecto chamada da proximidade da casiña do Ratiño Pérez. "Ademais, vén acompañada do seu felpudo e un boteciño para que os nenos garden os dentes e evitar poñelos baixo a almofada", por se o ratiño anda despistado e non os ve.