Anuncian protestas do persoal de Acciona nos hospitais tras o despedimento dunha traballadora da limpeza
Por Anxo Lourido
O despedimento dunha traballadora sen unha causa xustificada levará a que o martes e o xoves da próxima semana o persoal da empresa Acciona se concentre ás 10.00 horas diante das portas do Hospital Provincial e do Hospital Montecelo, centros onde Acciona é concesionaria do servizo de limpeza.
O presidente do comité de empresa de Acciona, Nicolás Sobrado; o secretario de organización de CCOO, José Luis García Pedrosa; e Diana Rodríguez, secretaria comarcal de CIG-Servizos, explicaban este xoves que, por primeira vez na historia das concesionarias da limpeza dos hospitais, é despedida unha traballadora, que regresaba dunha baixa laboral, por "baixo rendemento, sen concretar as causas".
Os representantes sindicais entenden que, detrás desta medida disciplinaria, se agocha a intención por parte da empresa de "amedrentar" o persoal para que evite as baixas. Sinalan que a traballadora, que realizaba servizos de limpeza no Hospital Provincial, nunca fora apercibida verbalmente ou por escrito, nin constaba un expediente disciplinario previo; mesmo sinalan que o servizo de Medicina Preventiva no Complexo Hospitalario a felicitara polo seu labor.
"É unha represalia contra o persoal", sinala Diana Rodríguez que lembra á empresa que conta con múltiples formas para regular as baixas xa que, ademais do médico de cabeceira, conta coa mutua e unha terceira empresa que realiza un seguimento. "É imposible coller unha baixa sen xustificar", apunta.
Desde os sindicatos indican que a empresa rebaixa o número de efectivos mantendo a carga de traballo "brutal". Por este motivo demandan que o xerente da área sanitaria, José Flores, interveña para evitar este conflito laboral nun servizo que afecta o funcionamento da actividade hospitalaria. Neste sentido, tamén piden ao Sergas que se especifique nos contratos de adxudicación o número mínimo de persoal para realizar a limpeza dos centros sanitarios para evitar que, ante despedimentos ou xubilacións, as empresas non cubran esas baixas e recorran a contratacións eventuais precarias.
García Pedrosa admitiu que as asembleas de traballadores mesmo estudan a posibilidade de iniciar unha folga no caso de que a empresa siga sen responder á petición de explicacións por parte dos sindicatos #ante un despedimento que consideran "arbitrario". Anuncian que o conflito será "de envergadura" no caso de que non haxa diálogo por parte de Acciona.
Relacionadas:
-
Denuncian unha "fenda de xénero brutal" no servizo de limpeza que presta Acciona nos hospitais de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Persoal de Acciona sae á rúa para reclamar a readmisión dunha traballadora da limpeza hospitalaria
Por Redacción |
-
Protesta dos traballadores de limpeza de Montecelo e o Provincial polo despedimento dunha compañeira
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras denuncia a discriminación de xénero existente no servizo de limpeza hospitalaria
Por Oskar Viéitez |
-
Desconvocada a folga no servizo de limpeza hospitalaria de Pontevedra
Por Redacción |
-
"Por un convenio digno. Acciona negocia xa!", clama o persoal de limpeza de Montecelo e o Provincial
Por María José Pita |
-
Limpadores ao límite: "en Montecelo dúas persoas de noite fan todo, quirófanos, covid, todo"
Por María José Pita |