Tres proxectos do GALP Ría de Pontevedra optan polos Premios Economía Azul
Por Redacción
Os Premios Economía Azul, impulsados pola Consellería do Mar, celebran a súa terceira edición co obxectivo de recoñecer proxectos financiados a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia.
Tres proxectos do GALP Ría de Pontevedra foron seleccionados para optar ao galardón en tres categorías.
No apartado de apoio á pesca costeira artesanal, enLonxaTour, un proxecto impulsado pola Cofradía de Pescadores San Roque de Portonovo. Esta iniciativa acondiciona o espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías.
Na categoría de diversificación, foi seleccionado o proxecto de turismo pesqueiro "Pescaturismo Praia de Sanxenxo" promovido por Sauro Martínez Durán. Esta iniciativa activa novas rutas turísticas con saídas ao mar a bordo dun barco pesqueiro, no que se amosa a pesca artesanal e sostible dos pulpos con nasa e miños.
Por último, na categoría de economía circular, a candidata é a iniciativa de Nordés Velería, que consiste na creación de novos produtos a partir de materiais reutilizados e residuos da fabricación de velas, lonas e toldos. O proxecto permite mellorar a sustentabilidade do negocio ao tempo que se reduce o impacto medioambiental.
O prazo de votación está aberto ata o 25 de novembro. Na web dos GALP de Galicia pódese acceder ao sistema de votación e a toda a información sobre os proxectos candidatos. O público debe elixir un gañador de cada un dos catro categorías: apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego, diversificación e economía circular.
Os premiados coñeceranse o 1 de decembro nunha gala que terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago.
Relacionadas:
-
Case duascentas placas solares para que a lonxa de Portonovo sexa máis eficiente enerxeticamente
Por Redacción |
-
Remata a renovación de 300 metros lineais do valado de protección dunar da praia de Areas
Por Redacción |
-
O Forno do Cal de Vilaboa recupera o seu esplendor tras concluír as obras de rehabilitación
Por Redacción |
-
Presentan un documental sobre a orixe poiense de Colón
Por Redacción |