O aumento de caudal do Gafos permite a solta de troitas rescatadas durante a seca
Por Manu Otero
A situación de alerta pola seca parece ser xa cousa do pasado no ecosistema fluvial do río Gafos.
Atrás quedaron esas imaxes nas que as troitas e demais especies acuáticas agonizaban pola falta de auga e que motivou a intervención dos técnicos de Augas de Galicia, tras o aviso da asociación Vaipolorío, para rescatalas.
Coa chegada das choivas o río recuperou o seu caudal e con el regresou a vida. Troitas e anguías foron liberadas de novo no río nunha intervención na que participaron, ademais de axentes ambientais, alumnos da Escola de Capataces Forestais de Lourizán.