'Alegría' mestura documental e ficción para revisar os feitos tralo accidente do Prestige
Por Mónica Patxot & María José Pita
Este sábado 19 de novembro terá lugar no Teatro Principal ás 19:00 horas a proxección do documental 'Alegría', para conmemorar o vixésimo aniversario do desastre ecolóxico provocado polo afundimento do petroleiro Prestige.
A peza está coproducida por Ecologistas en Acción e a súa federación galega, Ecoloxistas en Acción, e dirixida por Luis Otero, da produtora pontevedresa URCO Producións.
O propio director e Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción, ofrecían os detalles do documental, na compaña do concelleiro de Memoria Histórica Xaquín Moreda.
O Concello de Pontevedra colabora coa difusión deste traballo coa cesión do Teatro Principal, nunha sesión aberta a todos os públicos que contará co equipo do filme e algúns dos protagonistas do mesmo para, ao remate da proxección, dar paso a un debate participativo co público.
O título 'Alegría' é o berro de guerra contra o chapapote que os voluntarios e voluntarias entoaban cando o cansazo facía efecto neles, unha exclamación popular que para a organización ecoloxista "devolveu a dignidade ao pobo galego". No mesmo, sinálanse as causas que desencadearon a maior marea negra da costa galega e lembra que, ante a inacción do goberno, cuxos responsables non asumiron ningunha responsabilidade nin condena, foi a marea branca de solidariedade a que se enfrontou ao chapapote.
Na trama, unha moza que fora voluntaria na limpeza das costas de nome Nerea, personaxe real interpretado pola actriz pontevedresa Rocío Romero, está traballando nun documental sobre a traxedia, coa perspectiva do paso dos anos. Visita lugares e contacta coas persoas que participaron na loita por recuperar as costas e o seu medio de vida. Desde veciños, voluntarios ou mariñeiros ata as voces críticas da cultura que seguen a facer activismo para que este desastre non se repita a través de "Nunca Máis". A peza mestura o documental ficcionado con imaxes de arquivo e testemuñas.
Con esta película de unha hora e media de duración queren lembrar que é necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como aumentar a cantidade e calidade das inspeccións dos buques que percorren as costas de Galicia e atracan no seu litoral. Tamén queren poñer énfase na necesidade de rematar coa dependencia do petróleo e establecer controis sobre as cargas altamente perigosas que navegan polas costas galegas, o caso de produtos químicos como o cloro "que en caso de accidente provocaría unha catástrofe ecolóxica maior ca do Prestige", alerta Cristóbal López.
O director Luis Otero explicaba algúns detalles da rodaxe da que é a súa ópera prima. As localizacións foron o maior reto, xa que quixo situarse en cantís, praias e montes vencellados á traxedia, dende Cabo Silleiro ata o Ortegal, e que reflectían, co seu illamento e dureza a desconexión que marcou a Galicia nos meses posteriores ao afundimento do Prestige.
Relacionadas:
-
Imaxes e lembranzas da catástrofe do Prestige chegarán ao Pazo da Cultura con 'Sempre Máis'
Por Redacción |
-
O Casal de Ferreirós proxectará o documental ’20 anos de dignidade’, sobre o afundimento do Prestige
Por Redacción |
-
Pontevedra empápase de 'dignidade' no 20 aniversario do afundimento do Prestige
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Xocas, de Nunca Máis, sobre o Prestige: "Hai 1.100 toneladas de fuel no pecio, é obrigado baixar até alí e controlar as fugas"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |