Autorizan a ENCE a arranxar a tubaxe de auga danada pero condicionado a que sexa provisional
Por Alejandro Espiño
A partir do próximo mércores 23 de novembro, a empresa Ence poderá comezar os traballos para arranxar a tubaxe de abastecemento de auga danada durante o período de inactividade da fábrica de Lourizán ao que se viron abocados pola seca na conca do Lérez.
Poderá facelo tras recibir a autorización do Concello que, con todo, aclara que este permiso concedido polo procedemento de emerxencia está condicionado a que estas obras sexan unha solución provisional para a situación na que se atopa a tubaxe.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que o informe emitido pola empresa concesionaria do servizo de augas, Viaqua, advirte que a solución proposta por Ence, fixar a tubaxe no sitio que quedou tras ser desprazada pola marea, debe ser temporal.
Deixala nese sitio, a medio e longo prazo, pode acabar provocando máis danos no resto da rede de abastecemento e saneamento, polo que a compañía deberá redactar, executar e financiar os traballos para devolver a tubaxe ao seu asentamento orixinal.
Neste "primeiro paso", segundo apuntou Gulías, para resolver os problemas do abastecemento de auga a Ence, a empresa deberá gastar 459.000 euros. As obras teñen un prazo de execución de cinco semanas, segundo consta na memoria de actuación.
Para poder autorizar estas obras, houbo que solicitar, entre outros, informes de Costas, da Xunta de Galicia, da concesionaria de augas, da Policía Local e dos servizos técnicos do Concello, aclarou a portavoz do executivo municipal.
Relacionadas:
-
ENCE, ao 50% de produción en Pontevedra, agarda retomar a normalidade en dez días
Por Alejandro Espiño |
-
O Igape asegura que a fábrica de Ence nas Pontes é compatible coa de Lourizán
Por Redacción |
-
O plantel de Ence volve aos seus postos de traballo para producir, en probas, con augas da depuradora
Por Redacción |
-
ENCE permanece sen actividade industrial pola rotura da tubaxe de abastecemento de auga
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada