O pleno do "non é non, porque vén do PP"
Tres propostas presentaba o Partido Popular no pleno municipal deste luns e todas elas correron a mesma sorte. Déronse de bruzos co rexeitamento de BNG e PSdeG-PSOE que, aplicando a ampla maioría da que gozan, frustraron os plans da oposición.
Tanto é así que, no debate dunha destas propostas, o edil Pablo Fernández sostivo que a postura do goberno municipal é a do "non é non, porque vén do PP", asegurando que non hai ningún outro motivo para a súa negativa para apoiar estas iniciativas.
Así o lamentou despois de ver como a súa moción para que se implementasen medidas para favorecer o emprendemento empresarial no municipio, entre outras cousas, coa creación dun centro de negocios ou a posta ao dispor de chan empresarial para emprendedores.
A mesma sorte correu a petición do PP para que o Concello impulsase un programa de estancias de tres semanas en Inglaterra ou Irlanda para que ata 300 alumnos de 3º da ESO melloren o seu nivel de inglés cada ano, sufragado en gran parte polas arcas municipais.
Rafa Domínguez avanzou que esta será unha das súas promesas electorais para as municipais de 2023 pero confiaba no apoio de nacionalistas e socialistas para que este programa se puidese activarse xa o próximo verán.
"Los jóvenes necesitan esta salida al extranjero y les viene muy bien", sostivo Domínguez, que acusou ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de que "prefiere verlos en el botellódromo que aprendiendo inglés en Inglaterra".
Ambas as mocións foron criticadas polo socialista Tino Fernández, que lembrou que estas iniciativas enmárcanse en competencias que son da Xunta, educación e emprego, e lamentou que os populares só busquen "meter o dedo no ollo" para erosionar ao goberno.
Tras defender que "non hai concello que faga máis feiras que nós" ou que impulse eventos deportivos que deixan un gran retorno económico, Fernández cualificou como "vagas e imprecisas" estas mocións, pensadas para que o PP "non se pille as mans" coas súas promesas.
A terceira das iniciativas que defendeu o PP, tamén en voz de Rafa Domínguez, foi a petición de rebaixar a carga fiscal do Concello nun 7,5%, o mesmo porcentaxe que se elevou a inflación, no IBI, a viñeta do coche, a taxa de lixos ou os veladores.
"Se trata de tener sensibilidad con el que lo está pasando mal y lo va a pasar peor", subliñou o edil popular, que reclamou que a maiores o goberno municipal faga un mellor aproveitamento dos recursos "y se haga más de lo que se está haciendo".
Domínguez destacou a "falta de empatía" do executivo pontevedrés "cos que pasan tantas dificultades á hora de pagar os impostos" e que, a maiores, "non reciben un servizo acorde ao que debe recibir", sentenciou.
A este respecto, desde as filas do BNG, o edil César Mosquera lembrou que Pontevedra leva nove anos con todas as taxas e impostos conxelados, fronte a un IPC que, desde 2013, creceu un 17,9%, é dicir, unha perda de ingresos superior ao 15% para o Concello.
"Non coñezo ningunha comunidade ou administración do PP que teña rebaixado os impostos a este nivel", sostivo Mosquera, que lembrou que a Xunta prevé recadar 1.200 millóns máis en impostos en 2023, segundo consta nas contas presentadas.
Relacionadas:
-
Pontevedra chama a "deconstruír tanta masculinidade tóxica" e a non poñer escusas ante a desigualdade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP reclama ao Concello de Pontevedra medidas para favorecer o emprendemento
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra conxelará por noveno ano consecutivo todos os seus impostos e taxas municipais
Por Alejandro Espiño |
-
O PP proporá ao pleno unha baixada dos impostos municipais para facer fronte á inflación
Por Anxo Lourido |
-
O PP pedirá que o Concello financie viaxes e estancias de estudantes de 3º da ESO en Reino Unido para que aprendan inglés
Por Anxo Lourido |