Unha muller agride á dependenta que lle esixiu o pago dunhas lambetadas
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía de Arousa identificou unha veciña denunciada como presunta autora da agresión sufrida pola dependenta dunha tenda de lambetadas e agasallos.
Os feitos tiveron lugar este domingo ao mediodía.
Segundo recolle o atestado policial, esta muller colleu unha bolsa de doces coa intención de marcharse sen pagar. Cando a responsable do local lle advertiu que debía aboar o collido, a "clienta" estampoulle unha labazada.
Tras persoarse a Policía Local, a muller foi identificada e posteriormente denunciada diante da Policía Nacional.