A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para este mércores unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará este mediodía por mar combinada do noroeste con ondas de 5 metros no noroeste e oeste da costa coruñesa e na Mariña lucense, esténdose nas últimas horas da tarde tamén ao suroeste da Coruña e o litoral da provincia de Pontevedra.
MeteoGalicia sinala que durante este mércores a situación é "de transición á espera dun novo empeoramento para o xoves". Cara á noite, comezarán os chuvascos pola franxa atlántica. O vento soprará do oeste, virando a sur nas últimas horas do día. "Non se agardan cambios significativos para o xoves, con Galicia na influencia das borrascas que seguirán enviando sucesivas frontes", engaden.
O colectivo ecoloxista Vaipolorío comunicou que este mércores 23 de novembro a segunda enchente do río Cocho-Toxal-Tomeza-Gafos. Segundo puntualizaron o primeiro desbordamento deste río rexistrouse xusto hai un mes, o 23 de outubro. "O mal tempo no seu tempo é bo tempo", sinalan os voluntarios de Vaipolorío.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos.
Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112, que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.
Ademais a Xunta de Galicia mantén activado o Plan Especial ante o risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL), ante a previsión de producirse posibles desbordamentos pola subida dos caudais nos seguintes ríos: Lérez (Pontevedra), Verdugo (Ponte Caldelas), Oitavén (Soutomaior), Mera (Ortigueira), Mandeo (Aranga), Furnelos (Santiso), Deva (As Regadas), Tea (Mondariz), Ouro (Foz).
A pesar de que a intensidade das choivas diminuíu ao longo desta mañá, os servizos de emerxencia continúan vixiantes das zonas afectadas pola subida dos caudais.
En Caldas de Reis, os xestores do 112 Galicia recibían o aviso dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, que informaban do peche do paseo de madeira peonil, ao carón do río Umia, tamén por anegamiento.