Reunión do Concello de Poio con Monbus para tentar mellorar o servizo de transporte no municipio

Por Redacción
A tenente de alcalde e edil de Participación Veciñal e Turismo de Poio, Silvia Díaz, e o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, reuníronse con responsables da empresa Monbus para analizar a situación do transporte colectivo.
Trátase dun encontro solicitado polo goberno local para solicitar melloras nas frecuencias e en cuestións como a situación das paradas e a información de horarios.
Os responsables municipais afirman que estas demandas recollen as inquietudes "que nos transmitiron os veciños e veciñas en diferentes reunións previas".
Ambos os dous valoran como positivo o encontro afirmando que os representantes de Monbus mostraron a súa predisposición para estudar cuestións como a ampliación de frecuencias do transporte.
"Na actualidade o servizo de transporte público en Poio é moi deficitario e non cobre, nin moito menos, as necesidades dos e das usuarias, especialmente tendo en conta a poboación e que Poio xa está plenamente consolidado como un destino turístico de referencia. De feito, estas demandas tamén son trasladadas desde este sector", explicaron desde o Concello de Poio.
Ademais unha mellora deste servizo favorecería a redución do uso do vehículo particular, que supón o 80% dos desprazamentos que realiza actualmente a poboación, o que permitiría aliviar a presión en zonas como a PO-308 onde "a densidade de tráfico rodado é moi alta, sobre todo no verán e en núcleos como San Salvador ou Combarro".
Relacionadas:
-
Acusan a Monbús de provocar unha "situación de caos e incerteza" na ruta ao instituto de Poio
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada