"No encontraba salida laboral sin pensar en emigrar"
Por Natalia Puga
Antes de que remate o ano 500 mozos con titulación superior da provincia de Pontevedra terán o seu primeiro traballo na especialización para a que se formaron a través do Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra. Os primeiros 150 xa asinaron o seu contrato. Foi este xoves despois dun acto público no que, por orde de puntuación, foron elixindo a empresa na que máis lle interesaba traballar dentro do seu ámbito profesional e despois do que a inmensa maioría sinalaron que obter este compromiso laboral por un ano de duración supón que non teñan que irse ao estranxeiro a buscar unha saida.
Rubén Coego é un deses mozos que alomenos durante os vindeiros 12 meses postergarán os plans de emigrar ao Reino Unido para buscar traballo. Este veciño de Lalín de 25 anos é licenciado en Dirección e Administración de Empresas e antes do 30 de decembro empezará a traballar nunha asesoría da cidade de Pontevedra. Un ano e medio despois de sacar o título tan só conseguira un contrato en prácticas e, farto xa de que "no hay ningún trabajo en ningún sitio", en xuño comezou a estudar inglés, pensando en que "si no me hubiese salido esto, lo más seguro es que me marcharía a buscar trabajo fuera, no encontraba salida laboral sin pensar en emigrar".
A mesma intención de emigrar tíñaa Iria Rodríguez, una pontevedresa de 27 anos que nunhas semanas comezara a traballar nun posto vinculado coa súa preparación por primeira vez dende que se licenciou en Administración e Dirección de Empresas hai preto de cinco anos. Recoñece estar un pouco preocupada porque "aún no me han dicho cuáles son las tareas que voy a hacer" y apenada porque non puido elixir as tres primeiras empresas que había na súa lista de preferencias, pero a sensación que predominaba este xoves era a da alegría, pois "el mercado laboral está fatal, los trabajos que tuve fueron de freelance" e "ya estaba viendo para irme fuera con un curso de idiomas y a buscar trabajo".
A emigración era unha medida da que quería fuxir Antonio Sanmartín, un mozo de Pontevedra de 30 anos que leva licenciado dende o ano 2009 e ata agora apostara por estudar unha oposición como saída laboral, pero "ni ahí hay posibilidades". Ata que o chamaron como candidato para este contrato laboral fixo todos os cursos de formación que lle ofreceron no Servizo Público de Emprego e tiña pensado "seguir formándome en todo lo que pudiese y, si ya no salía nada, empezar a valorar irme fuera".
Do estranxeiro acaba de chegar Martín Barreiro, un moañés de 30 anos licenciado en Arquitectura no ano 2008. Recén rematada a carreira conseguira traballo de administrativo ou delineante en empresas de construción ("nunca de arquitecto"), pero foi cando se estaban dando "os últimos coletazos do sector" e dende hai catro anos xa non conseguiu traballo e adicouse a seguir formándose. Estivo en Italia facendo un Doutoramento e regresou tan só uns días antes de que saira a convocatoria de bolsas de traballo da Deputación. Agora confía en non ter que volver marchar.
"Hai que buscar que ese talento que se formou en Galicia, que se formou en Pontevedra, se quede tamén aquí, na súa terra"
A Administración Provincial destinará un orzamento de catro millóns de euros a este programa que ten como obxectivo contribuír á inserción laboral dun colectivo como o da mocidade que está especialmente castigado polo desemprego. Con eles cubrirá todos os gastos laborais que estes contratos supoñen ás empresas privadas e pagará as nóminas dos mozos recén contratados.
No caso de Sheila Rodríguez, opina que "os 700 euros que vou cobrar é máis do que tiña ata agora, levo moito tempo buscando traballo, si que todo é bo". ÿ técnica superior en Educación Infantil e cando a chamaron para comunicarlle que estaba seleccionada "foi unha alegría enorme, non o podía crer".
O presidente provincial, Rafael Louzán, presidiu este xoves o acto de elección de empresa e fixo fincapé en que se trata dunha iniciativa "novidosa, moi interesante" e que "é o camiño polo que deben apostar outras administracións para garantir que ese talento que se formou en Galicia, que se formou en Pontevedra, se quede tamén aquí, na súa terra".
Amosou a súa confianza en que moitas das persoas becadas poidan continuar traballando e incidiu en que a duración da bolsa, de un ano en total, "é o tempo necesario" para xerar a dinámica adecuada entre bolseiro e empresa e que "estes poidan continuar nesa empresa" cun contrato de traballo.
Relacionadas:
-
RADIO.- Aquí fórmanse e no estranxeiro atopan traballo
Por Marisa Ciordia |
-
As empresas pontevedresas teñen ata o 22 de abril para solicitar á Deputación mozos en prácticas
Por Redacción |
-
400 empresas da provincia adhírense ao segundo plan de prácticas laborais da Deputación
Por Redacción |
-
2.500 mozos aspiran ás 424 bolsas de práctica laboral da Deputación que terán unha segunda fase en 2014
Por Redacción |
-
Ata o 12 de novembro pódense solicitar os 500 contratos en prácticas que impulsa a Deputación
Por Alejandro Espiño |