O aparcadoiro das Lagoas acollerá a carpa do mercado ecolóxico e artesanal
Por Redacción
Este domingo 27, entre as 11.00 e as 20.00 horas, celébrase unha nova edición do Mercado ecolóxico e artesanal en Bueu, que estará situado nunha carpa instalada nos Xardíns de Urbano Lugrís - As Lagoas.
Ao longo de toda a xornada desenvolveranse diversas actividades e as persoas que asistan terán a oportunidade de adquirir produtos ecolóxicos, gastronómicos e artesanais, dentro dunha aposta polos produtos locais que contan co distintivo de calidade.
Desde o goberno local de Bueu promóvese esta iniciativa como un espazo concibido para que as familias pasen un día activo no que gozar das ofertas dos vinte postos que presentan produtos alimenticios desde hortalizas a pan, veu ou mel; artesanía; ou elementos de comercio xusto.
Ás 12.00 horas celebrarase unha cata de cervexa de mirabel. Media hora máis tarde desenvolverase unha charla sobre experiencias de xestión agroforestal con iniciativas para aproveitar o monte. Tamén haberá actuacións musicais a cargo da charanga BCB e durante a tarde un obradoiro infantil de elaboración de queixos, previa inscrición na web municipal de Bueu.