A Policía Nacional desartella nas Rías Baixas un grupo criminal ao que se lle interveu máis de cinco toneladas de haxix
Por Oskar Viéitez
No transcurso dunha comparecencia este xoves en Pontevedra, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska confirmou que axentes da Policía Nacional desartellaron unha organización criminal galega dedicada presuntamente á importación de haxix, a quen se lles interveu máis de cinco toneladas desta substancia estupefaciente.
Un total de 27 persoas foron detidas nas localidades pontevedresas de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Catoira, e nun municipio da provincia de Biscaia, e practicáronse 23 rexistros domiciliarios.
Grande-Marlaska destacou que "es muy importante la incautación de los alijos, de la droga", pero incidiu especialmente na relevacia que ten "actuar, sobre todo, sobre lo que es el entramado económico financiero de las organizaciones criminales".
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Nacional, as investigacións comezaron en setembro de 2021, cando se tivo coñecemento de que un grupo criminal estaba a introducir en España importantes partidas de haxix en pesqueiros e embarcacións de alta velocidade. Nun primeiro momento, os axentes puideron localizar nun estaleiro de Portugal un camión sospeitoso que se atopaba cargando unha embarcación de alta velocidade de 12,5 metros de eslora e tres motores de gran cilindrada. Horas máis tarde, ese camión accedeu a unha nave que posuía a organización investigada.
Ante estas evidencias, acordouse a vixilancia da embarcación, que máis tarde saíu a navegar en paralelo á península Ibérica con rumbo sur, o que acrecentou as sospeitas de que sería utilizada para a carga dalgunha importante cantidade de substancias estupefacientes. A súa andaina finalizou coa intervención de 89 fardos de haxix cun peso aproximado de 2.600 quilogramos, e que foran lanzados ao mar na provincia de Huelva. Ao mesmo tempo, foron detidos os seus dous tripulantes, que pasaron a disposición xudicial.
Durante o pasado mes de xaneiro, os axentes interviñeron unha embarcación de alta velocidade de 14 metros de eslora e tres motores de 300 cabalos. Durante esa operación tamén se interveu 70 fardos de haxix cun peso aproximado de 2.100 quilogramos. Ademais foron intervidos outros dous investigados, quen tamén foron postos a disposición xudicial. Este transporte puxo de manifesto o prestixio do grupo criminal no mundo do narcotráfico, xa que foron recrutados por unha organización marroquí para tripular unha lancha que polas súas características técnicas fora rexeitada polos seus propietarios.
As reunións entre os membros da organización galega para ultimar os preparativos dun barco con base na Illa de Arousa foron constantes. Durante un deses encontros, a organización propietaria do haxix contactou co representante da organización galega para "sinalizar" a operación, proporcionar os puntos de encontro e entregar os medios técnicos necesarios.
Foi finalmente o día 18 de maio de 2022 cando o barco abandonou o porto tomando rumbo sur, aínda que o patrón do barco decidiu abortar a operación e abandonar a embarcación nunha praia da localidade onubense de Punta Umbría. Posteriormente, o patrón decidiu realizar novas xestións coa intención de retomar a operación de narcotráfico cun novo barco.
A pesar de todo, a organización deixou de mostrar interese en partir, xa que as condicións estaban a deixar de ser as idóneas para acometer operacións de gran calado. Ante tal conxuntura, e de acordo con o criterio do Órgano Instrutor e da Fiscalía Especial Antidroga de Pontevedra, decidiuse levar a cabo o operativo policial para a desarticulación da organización investigada.
A operación segue aberta e non se descartan máis detencións nas próximas semanas.
Grande-Marlaska valorou que a loita contra a criminalidade organizada, dentro dela a dedicada ao narcotráfico é "un objetivo prioritario" para o goberno que preside Pedro Sánchez "en el conjunto del país". "Tenemos más efectivos", dixo en referencia á Garda Civil e a Policía Nacional, "y les estamos dotando de más medios", co cal, segundo o ministro "la respuesta a la criminalidad organizada cada vez es mayor".