Aprobado definitivamente o orzamento da Deputación para 2023
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra aprobou definitivamente no pleno ordinario celebrado este venres o orzamento de 2023, que pon ao dispor da provincia un total de 187,35 millóns de euros ao sumar aos 181,63 millóns do orzamento os 5,72 millóns de remanentes deste ano.
Antes do inicio da sesión plenaria deuse lectura a unha declaración institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller a cargo Azucena Arias, escritora, orientadora e profesora na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo.
Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tomou a palabra para enviar o seu "afecto" á ministra de Igualdade, Irene Montero, xunto a "todas as mulleres que sofren violencias machistas intolerables".
"É insoportable continuar con este tipo de comportamentos negacionistas que fan xente indesexable que temos que apartar da sociedade porque atacan á metade do mundo", dixo a presidenta.
DEBATE
A aprobación dos orzamentos suscitou o único debate plenario de toda a sesión. Os deputados do Partido Popular votaron en contra reiterando o argumento de que "deixan atrás aos concellos e á cidadanía da provincia".
O portavoz do grupo provincial do PP, Jorge Cubela xustificou o voto en contra na súa intervención argumentando que son "uns orzamentos de expansión que van deixar atrás aos concellos pequenos e medianos" e porque "son unhas contas feitas de costas a todos, sen consenso e sen diálogo".
Ademais asegurou que as reclamacións dos alcaldes "non son un capricho" senón "unha necesidade ante unha situación moi complicada" e que, ao seu xuízo, "debería ter unha resposta da administración competente", que para o PP é a Deputación de Pontevedra.
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista César Mosquera, respondeulle que "comprendo que teñan dificultades para argumentar en contra porque os orzamentos son francamente bos".
O deputado responsable de Economía, o socialista Carlos López Font reprochou aos populares que "ni siquiera han leído el presupuesto" xa que "no han sido capaces ni de presentar enmiendas" polo que "no tienen alternativa".
Font destacou que "son 69 millóns de euros en total os que van destinados aos concellos" e incidiu en que "es el presupuesto que se acerca más al bien común sin distinción de colores políticos" e afirmou que aos deputados do PP "les están imponiendo ese voto en contra" do que considera "el mejor presupuesto de la historia para seguir transformando la provincia".
Relacionadas:
-
A Deputación impulsou no 2022 nove proxectos na cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación posiciónase contra o negacionismo promovendo alianzas desde o feminismo
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva insiste en negarse a presentar o orzamento no Parlamento "por unha cuestión de principios"
Por Anxo Lourido |
-
O pleno da Deputación aproba o Plan Concellos 2023 coa abstención do PP
Por Oskar Viéitez |