Máis de 40 actividades para o regreso á normalidade do Nadal de Sanxenxo
Por Redacción
O Nadal regresa a Sanxenxo este ano cunha programación de máis de 40 actividades e a recuperación das cabalgatas que nos dous últimos anos víronse alteradas pola pandemia da covid-19. Ademais, manterá citas que se asentaron durante a crise sanitaria como as recepcións a Papa Noel e os Reis Magos.
A concelleira responsable, Paz Lago, explica que se trata dun traballo conxunto do Concello e as asociacións e chegará a todos os recunchos do municipio.
A actividade arrincará co acto de aceso do Nadal o sábado 3 de decembro ás 18 horas na Praza dos Barcos. Un total 406 elementos decorativos LED que iluminarán 55.886 metros cadrados do municipio das sete parroquias.
En Portonovo, a Asociación Rúa dos Viños comezará coa súa programación de Nadal con mercadillos, talleres e música que prolongarán ata o 7 de xaneiro.
A Asociación Cultural Os Cruceiros e as Mulleres Rurais A Candelaria converterán, os días 3 e 4, a Vilalonga nunha aldea do Nadal no aparcamento disuasorio enfronte da Praza Pública. Haberá concerto solidario, andaina, mercadilo e chocolatada. A recadación destinarase á Asociación contra o Cancro.
A Praza dos Barcos acollerá o 4 de decembro unha Procura do Tesouro, unha actividade pensada para nenos e nenas, de 5 a 12 anos, entre as 11 e as 14 horas. Pola tarde, ás 17:30 horas, celebrarase Un conto de Nadal, un espectáculo musical-familiar coa Oca Band, no Auditorio de Emilia Pardo Bazán. A entrada é gratuíta.
O 5 de decembro, véspera de festivo, a partir das 16,30 horas a Praza dos Barcos encherase de xogos tradicionais para neno/as de 5 a 12 anos.
Un Bingo Solidario, o 6 de decembro, dará a coñecer o lado máis solidario de Sanxenxo no que colaborarán as Asociación Neen@s, Banco de Alimentos do Salnés, Cáritas, Asociación contra o Cancro e a Asociación Peludos Invisibles.
Por primeira vez, o programa contará cunha actividade da Asociación Xuvenil A Esmorga que recreará desde o 6 de decembro ata o 7 de xaneiro na carballeira de Noalla un “Bosque de Nadal”.
Os mozos terán unha cita coa música a través de DJs o día 7 de decembro de 18,00 a 24,00 h, a cargo de Groove Amigos, Jorge Álvarez, Adrián Gold, Zoe Rey e Marcos D.
O Trasno Fantástico volverá este Nadal e farao á Sala Nauta o próximo 8 de decembro, de 16:30 a 19:30 horas. O 9 de decembro, a Praza Pascual Veiga, acollerá o concerto de Terapia de grupo, de 20:30 a 22:30 horas.
O 10 de decembro, a Praza do Mar servirá de escenario para o Autocine de Nadal cunha película pensada para toda a familia, “Clifford, o gran can vermello” ás 19 horas. Os máis pequenos terán unha cita coa maxia cun taller de manualidades o 11 de decembro. Ás 19 horas, o Usos Múltiples de Portonovo acollerá o tradicional Festival de Panxoliñas da Coral Polifónica Santa María de Adina en Portonovo.
O contacontos 'Axouxeres e Panxoliñas de Nadal' chegará o 16 de decembro á Biblioteca de Portonovo, ás 17:30 horas. Para asistir será necesaria inscrición no teléfono 986 691 149. O 17 de decembro, o Pazo de Emilia Pardo Bazán acollerá o Festival Solidario de Paxoliñas organizado pola Asociación Neen@s e +QCantigas. Os Obradoiros de Nadal, para nenos de 3 a 12 anos, terán lugar na Casa de cultura de Adina, Pazo Emilia Pardo Bazán e Pavillón de Vilalonga entre o 23 e o 30 de decembro.
O 23 de decembro, a Asociación Cultural de Abiñadoira, a partir das 16:30 horas, levará á Praza de Pascual Veiga a actuación 'Imos cantar xaneiras'.
A igrexa de Noalla acollerá como xa é tradición o Belén Vivente a partir das 12 horas o día 25 de decembro e, unha hora máis tarde na Escola Infantil de Aios. Dorrón despedirá o ano o 30 de decembro a partir das 20:30 horas.
Un ano máis, Sanxenxo potenciará o último día de 2022. Ao tradicional Fin de Ano adiantado na Praza Pascual Veiga, ás 12 horas, seguirá o Mergullo Por unha Ilusión, iniciativa solidaria coa Fundación Aladina, ás 16:30 na praia de Silgar a partir das 16:30 horas. Ás 20 horas un espectáculo pirotécnico invadirá o ceo de Sanxenxo para despedir o ano e dar a benvida ao 2023.
O 4 de xaneiro será o día da maxia. Pola mañá, o Pazo de Emilia Pardo Bazán acollerá talleres infantís con Pedro Volta e pola tarde, a partir das 18 horas, o espectáculo A maxia de Nadal.
A Banda de Música de Sanxenxo encargarase de poñer o broche de ouro á programación co Concerto de Reis, o 6 de xaneiro, ás 19:30 horas.
Relacionadas:
-
Papa Noel instálase na Casa Mariñeira de Don Fernando
Por Redacción |
-
Autocine de Nadal na Praza do Mar coa película "Clifford, el perro rojo"
Por Redacción |
-
Os máis pequenos prenden a maxia do Nadal en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo acenderá a súa iluminación do Nadal o 3 de decembro con 406 elementos decorativos led
Por Redacción |