Poio recupera o Pazo de Besada para a veciñanza
Por Oskar Viéitez
O emblemático Pazo de Besada, situado na parroquia de San Salvador de Poio, revive os seus mellores días trala importante actuación de reforma interior levaba a cabo polo concello grazas ás achegas da Deputación de Pontevedra.
A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto ao alcalde, Luciano Sobral, inauguraron este sábado as obras que foron financiadas íntegramente con 551.078 euros procedentes do Plan Concellos.
No acto, Carmela Silva sinalou que "a recuperación do Pazo é unha magnífica realidade, tanto pola posta en valor deste importante patrimonio arquitectónico da provincia, que non podemos deixar morrer, como polos usos aos que estará destinado o inmoble".
A presidenta felicitou o concello por escoller o Pazo como futura sede dos servizos sociais e o Centro de Información á Muller.
O edificio contará con espazos para atención á cidadanía e para a celebración de actos e actividades sociais.
Pola súa banda o alcalde de Poio, Luciano Sobral, asegurou que "conseguimos para o noso territorio espazos de calidade para construír unha sociedade igualitaria e xusta. Hoxe podemos dicir que o Pazo ábrese á cidadanía. De non ter a valentía de intervilo, sinalou, quedaría no esquecemento".
As obras no Pazo de Besada, datado de 1913, permitiron habilitar no interior os espazos nos que se instalarán os departamentos de Benestar Social mailo CIM actualmente localizados na Casa Rosada da Barca, que tralo traslado –nos primeiros meses de 2023– terá outros usos de carácter lúdico. Estes despachos sitúanse no andar baixo e no primeiro andar, onde tamén se disporán áreas destinadas ás persoas maiores. No primeiro andar o Pazo tamén conta cun salón de actos e eventos e no baixo cuberta (segundo andar) habilitouse unha ampla zona de estudo e de lectura.
As obras tamén incluíron a posta a punto das terrazas exteriores, que se poden empregar como zonas de esparexemento e descanso para as persoas maiores. Ademais, urbanizáronse tanto a parcela (tamén un elemento singular protexido) como a zona de acceso desde a vía pública maila contorna inmediata do inmoble para garantir a súa accesibilidade universal (o edificio, a este respecto, tamén contará cun ascensor) e tamén se dotou de servizos básicos, con sistemas de iluminación e calefacción baseados na eficiencia enerxética.
Relacionadas:
-
Novas actividades gratuítas para gozar durante o curso en Poio
Por Redacción |
-
O Pazo de Besada cobra vida co traslado dos servizos sociais e o CIM o xoves 27
Por Redacción |
-
Critican o estado "lamentable" dos xardíns do Pazo Besada
Por Redacción |
-
Estrea do remodelado Pazo de Besada coa homenaxe ás parellas unidas durante medio século
Por Redacción |
-
Remata a rehabilitación integral do Pazo de Besada
Por Redacción |
-
As obras do Pazo de Besada rematarán a finais de xullo
Por Redacción |