A Fiscalía pide o internamento psiquiátrico dun vilagarcián que cravou unha navalla no pescozo ao seu tío
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para este próximo martes un xuízo contra un home acusado de tentar asasinar o seu tío en Vilagarcía de Arousa.
A Fiscalía solicita para el nove anos e medio de ingreso nun centro psiquiátrico, xa que, segundo recolle o escrito de acusación, padece esquizofrenia paranoide e dependencia politóxica, unhas patoloxías que lle provocaron alteración das súas capacidades intelectivas e volitivas en relación co feitos obxecto deste procedemento, polo que concorre a eximente de alteración psíquica.
Segundo o relato do representante do Ministerio Público, na madrugada do 19 de agosto de 2021, o procesado picoulle as rodas e causou danos en dous vehículos que se atopaban estacionados nun pequeno escampado próximo á vivenda do seu tío que, ademais, era dono dun dos coches.
Media hora máis tarde, continúa Fiscalía, presentouse na vivenda do seu tío, "con quen mantivera graves enfrontamentos familiares", coa intención de acabar coa súa vida, "como manifestara en anteriores ocasións". Fracturou varios cristais e rompeu a porta para poder entrar na vivenda. Unha vez no interior, fixo o mesmo coa porta do dormitorio no que se refuxiou o seu tío para tentar evitar a agresión.
O acusado asestou no pescozo un golpe ao seu tío, "cravándolle unha navalla multiusos ou outro obxecto punzante que portaba". Como consecuencia dos feitos, o familiar sufriu unha ferida penetrante, polo que necesitou asistencia sanitaria coa colocación de puntos de sutura, sen posterior tratamento médico ou cirúrxico.
O Ministerio Fiscal considera que os feitos narrados son constitutivos dun delito leve de danos e outro de homicidio en grao de tentativa. Pide para o acusado a medida de seguridade de internamento psiquiátrico nun centro adecuado ás súas patoloxías cun límite máximo de nove anos e seis meses, ademais da prohibición de aproximarse á persoa, domicilio, lugar de traballo da vítima a menos de mil metros.
Desde o 23 de agosto de 2021 o acusado permanece en situación de prisión provisional.