En liberdade con cargos o detido polo intento de atraco nun banco de Vilaboa
Por Oskar Viéitez
O Xulgado de Instrución número 2 de Cangas deixou en liberdade con cargos ao individuo que o pasado venres tentou atracar unha sucursal bancaria en Vilaboa. Impútanlle os delitos de de roubo con violencia e intimidación e de lesións.
Segundo informou a Garda Civil, trátase dun home de 50 anos, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais.
O atraco tivo lugar pasadas as 8.00 da mañá do venres na sucursal do Banco Santander no Toural, en Vilaboa. O asaltante ía armado cunha pistola falsa e un spray de pementa de fabricación caseira co que atacou ás dúas empregadas da oficina encerrándoas no baño.
Desde alí estas mulleres mandaron mensaxes cos seus teléfonos móbiles alertando aos seus compañeiros do que estaba a ocorrer. Estes puxéronse en contacto co 112 Galicia que deu o aviso á Garda Civil e á Policía Local de Vilaboa, que ten o cuartel a en as inmediacións desta sucursal bancaria.
O home fuxiu nun coche, non obtivo ningún botín e foi localizado e detido pola Garda Civil unha hora máis tarde na zona de Arcade, en Soutomaior.