A Xunta activa unha alerta laranxa por outro temporal costeiro en todo o litoral galego
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para este luns unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará a primeiras horas da mañá por mar combinada do noroeste con ondas de 6 metros afectando a toda a costa da comunidade.
MeteoGalicia sinala que "durante o luns, as altas presións iranse achegando a Galicia. Deste xeito, amenceremos con ceos alternando nubes e claros e con chuvascos que se irán retirando cara ó norte co avance da xornada. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán do noroeste, frouxos no interior, con intervalos fortes á primeira hora no litoral norte", engaden.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos.
Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112, que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.