O TSXG absolve un home condenado pola Audiencia de Pontevedra por estafar á súa compañeira sentimental
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) absolveu a un condenado a dous anos e dous meses de cárcere pola Audiencia Provincial de Pontevedra por estafar á súa compañeira sentimental.
O tribunal de primeira instancia tamén lle impuxo o pagamento dunha indemnización á vítima de 19.684 euros.
No relato de feitos probados da resolución, a Audiencia explica que ambos se coñeceron na primavera de 2014 e iniciaron unha relación que durou, aproximadamente, ata xuño de 2015. Aínda que vivían xuntos de forma puntual, o sospeitoso, segundo o fallo, era frecuente que se ausentase "durante períodos máis ou menos longos por supostos motivos de traballo como broker, alegando viaxes a cidades como Londres ou Hong Kong".
No momento de iniciar a relación, o recorrente estaba casado, algo que descoñecía a denunciante, quen subscribiu un préstamo por importe de 50.000 euros coa intención de axudar ao acusado, quen, segundo a sentenza, se mostraba "abatido e triste" debido a "unha perentoria situación económica de dimensións familiares".
A Audiencia sinala que, unha vez ingresado o crédito, "sen que conste como se puido facer coas claves da banca electrónica da vítima, fixo uso delas sen o seu consentimento nin autorización" e realizou unha serie de transferencias. Este último apartado do relato de feitos probados do fallo de primeira instancia é que o que alto tribunal galego non considera probado.
O TSXG explica que na sentenza se condena ao apelante como autor dun delito de estafa informática previsto no artigo 248.2, pois se apoia "na consideración de que o acusado obtivo as claves de acceso á conta da querelante para realizar unha serie de disposicións sen o seu consentimento, e coñecemento, a través do correspondente dispositivo informático, que non foi identificado". Con todo, a Sala do Civil e Penal resalta que "ningunha das acusacións propuxo proba dirixida a acreditar o apoderamento das claves da banca electrónica".
"A lectura da sentenza apelada mostra como a tese das acusacións era diferente daquela que finalmente se acolle polo tribunal para chegar ao seu pronunciamento condenatorio", recalcan os maxistrados, os cales conclúen que a resolución de primeira instancia "vulnera o principio acusatorio ao condenar por un delito non contemplado polas acusacións".
Así, salientan que "non se trata dun delito homoxéneo, a pesar da súa inclusión no mesmo artigo que o da estafa básica e, en definitiva, a vulneración do principio acusatorio debe levar igualmente á absolución do acusado con todos os pronunciamentos favorables, incluídos os que se refiren ás persoas consideradas como partícipes a título lucrativo". Por iso, o TSXG tamén absolve ao pai do recorrente, considerado pola Audiencia partícipe a título lucrativo.
Os xuíces destacan que "non hai proba que mostre a forma e o dispositivo desde o que se fixeron as transferencias". Por iso, entenden que "xorde a dúbida sobre a realidade dos feitos asumida pola Sala de instancia". Así, indican que "hai unha evidente posibilidade de que as disposicións patrimoniais fosen realizadas de común acordo coa titular da conta".