Un incendio provoca danos materiais nun garaxe de Vilaboa
Por Oskar Viéitez
Un incendio nun vehículo, rexistrado á primeira hora da mañá deste luns, provocou danos materiais nun garaxe de Vilaboa.
Segundo informou o 112 Galicia, os alertantes confirmaron desde o primeiro momento que ninguén resultou ferido a consecuencia deste incendio, no que arderon un vehículo e os bens materiais almacenados.
O 112 Galicia recibiu o aviso minutos antes das 7:00 horas desta mañá, a través da chamada dun particular. Este indicaba que saían lapas dun coche aparcado dentro dun garaxe no lugar de Pazos, en Vilaboa.
Os Bombeiros do Morrazo traballaron para apagar as lapas con rapidez, controlando e dando por extinguido o incendio pouco despois das 8 horas. Eran os efectivos que traballaron no punto os que facían balance dos danos materiais: ardeu por completo un coche, así como o material almacenado. O garaxe, pola súa banda, viuse afectado nas paredes e o teito.
Ademais dos Bombeiros, no operativo participaron os axentes da Garda Civil.