Inicio "inminente" da construción do novo campo de fútbol de Salcedo
Por Alejandro Espiño
Esta vez, si. Solucionados todos os problemas administrativos, as obras de construción do novo campo de fútbol de Salcedo comezarán de maneira "inminente". Así o anunciou este luns a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
"Será nos próximos días", asegurou Gulías, que confirmou que "xa non hai impedimentos" para iniciar uns traballos que permitirán que Salcedo estree estas novas instalacións deportivos durante o ano 2023.
As obras poderán comezar despois de que a comunidade de montes acordase ceder de maneira gratuíta unha parcela duns 3.900 metros cadrados.
Estes terreos eran necesarios para poder abordar o proxecto destinado ao reforzo da rede para fornecer enerxía eléctrica ao futuro campo. Esta actuación, que custa uns 32.000 euros, será o punto de partida para este ansiado proxecto.
No novo campo de Salcedo, o Concello investirá 1,48 millóns. As obras durarán dez meses, segundo consta na documentación técnica do proxecto.
Estará nuns terreos cedidos pola comunidade de montes. Será un campo de herba artificial, cos parámetros que esixe a FIFA para este tipo de instalacións, e terá unhas dimensións de 100 por 58 metros.
Ademais, prevese a construción de varias edificacións para albergar catro vestiarios para os xogadores, dous vestiarios para os árbitros, almacéns e unha bancada elevada.
AMPLIACIÓN DUN VIAL EN PONTE SAMPAIO
A maiores, a Xunta de Goberno aprobou ademais a cesión de cinco parcelas, propiedade de particulares, situadas no lugar de Acevedo (Ponte Sampaio).
Serán 817 metros cadrados que servirán para executar unha vía paralela ao acueduto coñecido como O Paredón, o que permitirá unha mellor conservación deste ben etnográfico, ao despexar o tráfico que circula actualmente polas súas inmediacións.
Relacionadas:
-
Volverán licitar as obras do campo de fútbol de Salcedo ao crebar unha das adxudicatarias
Por Oskar Viéitez |
-
O Salcedo sae á rúa farto de ser "o club máis antigo sen un campo de herba"
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
Salcedo, sen campo novo dous anos despois da cesión dos terreos
Por Redacción |
-
Unha UTE galega construirá o campo de fútbol de Salcedo por 1,48 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |