O Concello sobe un 1,5% o soldo aos seus funcionarios con efectos retroactivos
Por Alejandro Espiño
Pontevedra propoñerá subir o soldo a todos os seus traballadores públicos un 1,5% máis. Esta medida, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, adoptarase con efectos retroactivos, polo que será efectiva con data de 1 de xaneiro de 2022.
Iso significa que o Concello destinará uns 400.000 euros para actualizar a nómina dos seus funcionarios, dos cales 269.000 euros corresponderán aos meses de xaneiro a outubro.
Esta cantidade pagaráselles como concepto de produtividade a todos os traballadores e abonarase a final de ano. A ela sumaranse os meses de novembro e decembro, que xa recollerán o aumento nas respectivas liquidacións.
Con esta decisión, segundo Gulías, o Concello opta por subir o soldo dos seus traballadores o máximo que autorizaba o Goberno estatal, un 3,5% en total.
O outro 2%, recollido inicialmente nos orzamentos municipais, xa se viña aplicando nas nóminas desde o pasado mes de xaneiro.