Estrea do remodelado Pazo de Besada coa homenaxe ás parellas unidas durante medio século
Por Redacción
Despois de dous anos sen acto de celebración, neste 2022 recuperouse a homenaxe ás persoas que celebran as súas vodas de ouro no Concello de Poio, unha iniciativa da concellería de Benestar Social e Mocidade, que dirixe Rosa Fernández.
A actividade desenvolveuse no Pazo de Besada converténdose no primeiro acto oficial que se celebra neste remodelado espazo situado na parroquia de San Salvador. Ao longo dos próximos meses, o inmoble converterase en sede da concellería de Benestar Social e tamén do Centro de Información á Muller.
Os catorce matrimonios que recibiron a homenaxe estiveron acompañados tamén por representantes políticos da corporación municipal liderados polo alcalde Luciano Sobral. Destes matrimonios, nove residen na parroquia de San Xoán, tres en Salvador e dous en Combarro.
Cada unha das parellas recibiu unha ofrenda floral, un diploma e un agasallo do Concello como exemplo de vida e de amor, segundo manifestaba a concelleira Rosa Fernández, durante o encontro que permitiu compartir anécdotas e experiencias de vida acumuladas durante este medio século de convivencia.