A Lama ratifica as axudas por natalidade para as familias empadroadas no municipio
Por Redacción
Por unanimidade. Así aprobou no último Pleno Municipal do ano a corporación da Lama as súas axudas para o fomento de natalidade.
Son en total 7 das axudas aprobadas para veciños empadroados no municipio, e que recibirán 1.000 euros repartidos en dous pagos anuais de 500 euros.
Trátase dunha subvención compatible con calquera outra axuda existente e que establece entre os seus requisitos a obrigatoriedade de estar empadroado no concello cunha antigüidade mínima de 12 meses.
O alcalde, Jorge Canda, defendeu na súa explicación que estas axudas resultan de utilidade para consolidar poboación no municipio, ademais de prestar unha colaboración aos seus veciños "cando máis se necesita".