O centro de acollida de animais de Armenteira propiciou 50 adopcións nun mes
Por Natalia Puga
A campaña de fomento das adopcións iniciada polo Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira (CAAN) o 1 de novembro propiciou que 49 animais encontraran xa un novo fogar.
Os datos aportounos este venres o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, que destacou os "excelentes resultados" da campaña. En concreto, 45 animais (14 cachorros e 31 adultos) están xa no seu novo fogar e catro están á espera de que se cumpra o prazo legal de 20 días desde a súa chegada ao centro ata que se poida formalizar a adopción. Entre os que están á espera de que se cumpra ese prazo está Ker, a cadela mestiza que se recupera no centro dun envelenamento.
Entre os animais que conseguiron un novo fogar nos 42 días transcorridos dende o inicio da iniciativa están Baloo, Good e Aura, que deron a súa imaxe para os carteis que se distribuíron por toda a provincia co lema 'Busco Dono. Non abandones, identifícao, adópta'.
Dos 45 animais con adopción formalizada dende novembro, seis foron atopados en Meis, cinco en A Estrada, tres en Sanxenxo, tres en A Illa de Arousa e dous en Meaño, Marín, Silleda, Ribadumia e Gondomar. Ademais, a Deputación aportou este venres os datos relativos ás adopcións realizadas dende a apertura de CAAN. Van xa 160 animais con novo fogar, pero aínda quedan 400 animais no centro que precisan unha familia.
Nos oito meses que leva aberto o centro realizáronse máis de 1.500 intervencións nos 48 concellos adheridos, unha cifra que, segundo Louzán, demostra que "estamos a facer unha boa labor social, unha labor socialmente fundamental".
Logo do éxito desta última campaña de adopcións, o presidente provincial anunciou que CAAN porá en marcha unha segunda fase da campaña orientada "aos máis pequenos". Persoal especializado impartirá unidades didácticas en centros de Educación Infantil e Primaria para sensibilizar en contra do abandono animal e sobre a necesidade de respectar e coidar os animais.
Relacionadas:
-
Denuncian un "notable incremento" do abandono de cadelas coas súas camadas
Por Redacción |
-
Recuperan en Armenteira un animal que apareceu atrapado nun lazo ilegal para a caza furtiva
Por Redacción |
-
Tragsa renova o convenio para a xestión da canceira de Armenteira
Por Redacción |
-
Enviar animais á canceira de Armenteira custou a Marín 7.500 euros en 2013
Por Redacción |
-
Buscan fogar para Lucía e Luciana, dúas cadeliñas rescatadas dun contedor de auga en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Salvan unha cadela despois de comer penso envelenado nunha rúa de Portonovo
Por Redacción |
-
A Deputación ampliará a canceira provincial
Por Oskar Viéitez |