O que as matemáticas che contan
Por Redacción
San Martiño, Cabanas e Santo André de Xeve. Son os tres colexios de Pontevedra que participarán nun proxecto dirixido a estimular a vocación matemática do alumnado de Primaria e amosarlles as múltiples aplicacións desta ciencia na vida cotiá.
Será a través duns obradoiros que imparte o estudantado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e que incluirá unha serie de encontros con investigadores, que tratarán de que os nenos e nenas non vexan as matemáticas como algo afastado.
O seu obxectivo é que os nenos e nenas "non só saiban que as matemáticas son útiles, senón que poidan comprender o papel que xogan no mundo que lles rodea", explica a profesora Marta Pérez, coordinadora desta iniciativa, apoiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación.
Mediante sesións prácticas os alumnos de quinto e sexto de Primaria achegaranse ás aplicacións das matemáticas en múltiples eidos, desde a astronomía e a espionaxe, ata a xeración de mapas ou o uso da estatística no deporte.
O proxecto ofrece ademais materiais que calquera docente pode usar nas súas aulas e que irá nutríndose de novos contidos ao longo do curso, "que poden ser utilizados tanto no último ciclo de primaria como en primeiro e segundo da ESO", subliña a súa responsable.