A cafetería do Pazo funcionará de xeito autónomo e terá a súa propia actividade cultural
Por Alejandro Espiño
Se todo vai segundo as previsións municipais, a cafetería do Pazo da Cultura reabrirá as súas portas en 2023. O Concello está a ultimar os detalles para a licitación do establecemento que, a partir de agora, funcionará de maneira autónoma á actividade cultural do recinto.
Así figura nos pregos nos que traballan os técnicos municipais, que recollen que a concesión da cafetería sairía a concurso por un período de vinte anos.
Nestes momentos, o proceso administrativo está a tratar de definir a fórmula máis adecuada para a cesión deste espazo e, de maneira paralela, está a realizarse o estudo económico que, entre outras cousas, definirá o custo que terá a concesión para a adxudicataria.
A intención do Concello é que este contrato poida licitarse a principios de 2023.
Que esta cafetería dispoña, por primeira vez, duns baños independentes aos do Pazo da Cultura, que se situaron nun cubo de nova construción pegado á fachada, non será a única novidade que incluirá este proceso de licitación.
Fontes municipais confirmaron a PontevedraViva que os responsables do Pazo da Cultura desexan que esta cafetería sirva como un elemento máis de atracción do público.
Por iso é polo que, ademais de ter un horario acorde ás actividades do propio recinto, poderá abrir cando non haxa programación cultural e terá permitido organizar todo tipo de congresos, reunións de carácter persoal ou encontros de negocios.
Pero, sen dúbida, o máis rechamante desta nova fórmula é que os que asuman o control desta cafetería terán que impulsar a súa propia programación cultural, que sexa paralela e complementaria á que desenvolva o propio Pazo da Cultura.
Iso si, sempre de acordo cos seus responsables para que as actividades dun e outro espazo non choquen en intereses ou datas e, por tanto, non se fagan competencia entre si.
Os detalles desta licitación coñeceranse en próximas semanas, sinalan as fontes consultadas, que confían en que esta iniciativa supoña un revulsivo adicional para un Pazo da Cultura que afronta con moitas esperanzas o próximo ano.