O futuro dos baixos comerciais de Michelena, 11: "Tiñamos un contrato ata 2025 e marchamos enganados"
Por Mónica Patxot & María José Pita
O 31 de xaneiro de 2023 é a data tope dada pola empresa Hercor Inversiones para que os inquilinos do edificio do número 11 da rúa Michelena de Pontevedra abandonen os seus locais.
Os propietarios dos negocios que ocupan os baixos comerciais entenden que as próximas obras de demolición do interior do edificio lles obriguen a abandonar os seus locais. O grande enfado destes comerciantes provén da forma en que a empresa propietaria do céntrico edificio xestionou a finalización dos seus contratos.
Manuel Leal, o propietario do Bar Bota Viño, inquilino desde 2019, relata que durante a pandemia, "cando abriamos, pechabamos, abriamos, pechabamos", o administrador da empresa púxose en contacto con cada negocio para ofrecer un desconto no alugueiro, "do 15 por cento, no meu caso, durante dous anos, e entre as condicións que poñían é que se acurtaba o prazo dos alugueiros, xa que eles tiñan que xustificar fiscalmente ese desconto, ata xaneiro de 2023, que eu podía consultar cos demais porque llo estaban facendo a todo o edificio".
Manuel aceptou o acordo, pero sen saber que a empresa tiña previsto demoler o edificio. "Dous meses despois decátome polas noticias dos plans de Hercor Inversiones co edificio", laméntase o hostaleiro. "Aí foi onde nos decatamos todos, que o que asinaramos era practicamente a nosa saída, dunha forma legal, porque toda a xente asinou o acordo, pero na miña opinión persoal é que foi dunha maneira moi sucia".
Manuel leva días vendo anuncios de inmobiliarias e visitando locais de cafeterías que pecharon tras o verán coa preocupación de que "se pecharon nunha zona tan céntrica por algo será". Sabe que non vai atopar un alugueiro a un prezo tan axustado como o que tiña e, en caso de non poder asumir os custos dun novo arrendamento, proxecta gardar todo o mobiliario e neveiras en espera dunha nova oportunidade mentres busca traballo por conta allea. "Eu estou só no local e especialiceime en cervexas e viños dunha calidade alta, así que non me plantexo trasladarme a un local máis barato nos arredores porque non é o tipo de público do meu establecemento". A clientela fiel é para Manuel un motivo para continuar coa súa actividade profesional, varios dos seus clientes ofrecéronse a axudarlle coa busca e a mudanza, "mesmo me dixeron que veñen a pintar, e iso quere dicir que tan mal non faría as cousas".
O franquiado tiña contrato de alugueiro ata 2025 e agora ímonos enganados
Este sentir é común aos catro establecementos que consultamos. Na tenda Vodafone que fai esquina entre as rúas Michelena e Gutiérrez Mellado, o seu xerente Javier Quiroga relata que no seu caso, o franquiado tiña contrato de alugueiro ata 2025 e "ímonos enganados". De novo alude á sinatura da modificación do contrato durante a pandemia, que implica que este remate o 31 de decembro, cunha prórroga dun mes máis. Esta tenda leva funcionando no actual emprazamento 6 anos. No seu caso, habilitar un novo local non supón un problema xa que "o Departamento de Expansión de Vodafone en Madrid encárgase da obra". A principal dificultade estriba en atopar un baixo coas dimensións necesarias, grande e con escaparate para poñer a publicidade da marca e que se atope nun punto próximo ao actual. "Buscamos por Michelena e inicios de Benito Corbal para non coincidir coa outra tenda Vodafone que hai en Pontevedra, en Loureiro Crespo", apunta Javier.
A poucos metros, no Bocalino Pizza al Corte os seus propietarios afirman que xa asumiron que teñen que marchar pero con "moita rabia porque nos enganaran". Levan 9 anos neste local pagando puntualmente o alugueiro e con moito éxito de clientes, como puidemos comprobar na gran ringleira que se formaba na hora do recreo dos institutos. O seu contrato expiraba en 2024. Na pandemia, ante a incerteza da situación e unha vez tiveron que botar man de aforros polos continuos peches, aceptaron a modificación do contrato de alugueiro, que lles supuña unha rebaixa de 300 euros. Non queren ter protagonismo porque se atopan animicamente moi afectados "con ansiedade, sen durmir, porque sei que o fixeron mal, en 19 anos que traballei en Suíza nunca me atopei con esta falta de seriedade". Neste momento tamén están a buscar un baixo próximo á súa localización actual para non perder a clientela.
Levamos aquí case 23 anos e dános rabia a maneira de ter que marcharnos
Na tenda de produtos para o cabelo e estética Don Pelo, a dependenta María José Goldar confirma que a actuación da empresa arrendadora está dentro da legalidade, pero tamén é consciente de que non lles dixeron toda a verdade. "O noso contrato é de ano en ano, en xaneiro iamos renovar, levamos aquí case 23 anos e dános rabia a maneira, que o último que nos dixese a empresa, tras saír na prensa que ían derrubar o edificio, é que poderiamos quedarnos polo menos ata xullo de 2023, e ao final temos que marchar xa en xaneiro". Os seus xefes recibiron un mail no que se lles anuncia que o 31 de xaneiro deben abandonar o local, pero esperan ter unha notificación por escrito. Como no caso dos negocios veciños, buscan un local na mesma zona "porque se te marchas cara á milla de ouro xa é carísimo".
A pesar da inminencia da interrupción da actividade, nestes días María José vai preparar a decoración de Nadal. Para estes negocios trátase dunha tempada de altos ingresos que, pese ao desánimo, non poden deixar pasar. Rematadas as festas, tocará organizar a mudanza.
Relacionadas:
-
Trasladar Zara de Benito Corbal a Michelena, entre os plans de Inditex para Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Os donos comunican aos inquilinos que deben abandonar o edificio número 11 de Michelena
Por Oskar Viéitez |
-
As galerías da Oliva, unha rúa sen saída para os comerciantes que se libran da derriba
Por Manu Otero |
-
A un paso de demolerse un tramo das Galerías Oliva
Por Redacción |