A plantación de marihuana de Mourente pertencía a unha rede que exportaba droga ao resto de España e Europa
Por Natalia Puga
A extraordinaria plantación de marihuana localizada o pasado 9 de novembro na parroquia pontevedresa de Mourente xa sorprendeu pola cantidade de plantas que albergaba e o sofisticado do seu sistema de cultivo e vixilancia, pero agora acaban de darse a coñecer máis datos que contextualizan a súa incautación. Pertencía a unha rede criminal encargada do cultivo, preparación e posterior distribución de importantes cantidades desta droga en Galicia, pero tamén no resto de España e o resto de Europa.
Así o acaba de dar a coñecer a Policía Nacional. A operación que permitiu o seu desmantelamento ten as súas orixes noutra incautación no mes de marzo no Pereiro de Aguiar (Ourense) e non se pechou ata esta mesma semana, coa detención este luns 28 de novembro dos dous últimos implicados.
Segundo a Policía Nacional, estes dous últimos detidos son os dous principais responsables da organización que non foran localizados no seu momento no marco desta operación, que bautizaron 'Jeshile' e estivo coordinada polo Xulgado de Instrución número 2 de Ourense.
En total o grupo dous da Unidade de Delincuencia e Crime Organizado (UDYCO) de Pontevedra detivo a dez persoas, catro en marzo, catro a principios de novembro e dúas esta semana. Delas, catro están actualmente en prisión.
En marzo os axentes xa desmantelaran un laboratorio 'indoor' con miles de plantas e florescencias de Cánnabis Sativa O Pereiro de Aguiar e en novembro en Mourente foron ao redor de 2.000, cun peso de 500 quilos. En total, interveuse unha tonelada de plantas e restos vexetais de marihuana,.
Na nave industrial de Mourente, que estaba aparentemente abandonada, ocultábase un gran laboratorio profesional 'indoor' para o cultivo intensivo do cánnabis sativa. Contaba cunha instalación eléctrica, de illamento e de extracción valorada en 85.000 euros, onde se manipulaban xeneticamente as plantas, co obxecto de conseguir un maior rendemento a cada unha delas.
Tal e como avanzou no seu momento PontevedaViva, lograban catro cultivas ao ano. Isto supoñía un beneficio anual próximo a un millón de euros.
O interior da nave de Mourente en Pontevedra, ao igual da de Ourense, estaba especialmente deseñada para o cultivo intensivo, compartimentada en dúas estancias duns 250 metros cadrados cada unha elas deseñadas 'ad hoc' e dotada coas últimas tecnoloxías domóticas e sistemas de cultivo para acelerar o réxime natural de crecemento e floración.
A instalación contaba con aparellos de aireación e filtros de carbono para depurar o cheiro, ademais dun avanzado sistema de iluminación con preto de 300 lámpadas cos seus respectivos transformadores, control de fotometría, temperatura, humidade, medidores de PH que variarían os parámetros en función ao momento do desenvolvemento das plantas, así como gran cantidade de fertilizantes.
O balance provisional da operación supón o desmantelamento das dúas instalacións eléctricas e de extracción de fumes cun valor aproximado de 250.000 euros, dez detidos e diversa documentación.
Relacionadas:
-
Detidos dous vilanoveses e un ferrolán aos que incautaron doce quilos de coca
Por Redacción |
-
Liberdade para os tres detidos pola gran plantación de marihuana de Mourente
Por Natalia Puga |
-
Unha gorida con dúas camas e moita comida para custodiar 2.500 plantas de marihuana en Mourente
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Extraordinaria incautación de 2.500 plantas de marihuana en Mourente
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada