Orzamentos e A Barca irán ao Pleno extraordinario do 19 de decembro
Por Oskar Viéitez
O próximo xoves 19 de decembro, ás 11:00 horas, a corporación local de Pontevedra celebrará un Pleno extraordinario.
Segundo se acordou este venres en xunta de voceiros, ademais dos presupostos municipais na orde do día figurarán outros contidos como a ordenanza fiscal que recolle a suba na taxa pola recollida de lixo, que entrará en vigor en marzo co canon actual.
Tamén se debaterá a solicitude formal do cambio de titularidade impulsado por Fomento, do tramo da N-550 comprendido entre a glorieta situada na ponte de Santiago e a que hai fronte ao campo de fútbol de Pasarón, na avenida de Compostela.
Ademais inclúese a moción do grupo socialista sobre a Ponte da Barca.
O alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) reiterou os argumentos en defensa da reordenación do tráfico expostos polo concelleiro de Infraestruturas nos últimos días.
O promotor da moción, o socialista Antón Louro, advertiu aos seus socios de goberno que "non se pode ir contra todo e contra todos " e afirmou que, ao seu xuízo, existe unha carga de "improvisación e oportunismo" nas medidas do tráfico deseñadas polo concelleiro nacionalista César Mosquera, a quen acusou, entre outras cousas, de "crear confusión".