Deteñen a condutora kamikaze que circulou en sentido contrario pola AP-9
Por Natalia Puga
A Garda Civil localizou a condutora que a primeira hora da mañá circulou en sentido contrario pola autoestrada AP-9 á altura de Pontevedra e que provocou cinco accidentes de circulación entre os vehículos que trataron de esquivala.
Segundo informou a Garda Civil, a muller foi detida por axentes do subsector de Tráfico sobre as 12.00 horas como froito do dispositivo de busca establecido para a súa localización ás 8.30 horas, cando se tivo constancia do incidente que supostamente protagonizou.
Trátase dunha moza de 18 anos veciña de Meaño que responde ás iniciais M.P.G.C. A Garda Civil acúsao dun delito contra a seguridade vial por "conducir de forma manifestamente temeraria" e doutros dous de danos e lesións.
Tras tomarlle declaración, a moza kamikaze foi posta en liberdade coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis cando sexa requirida.
Cinco vehículos accidentáronse ao ter que desprazarse bruscamente á beiravía golpeando contra os valos
Arredor das 8.30 horas producíronse cinco accidentes de circulación ao longo de dez quilómetros da AP-9 entre a peaxe de Curro e Pontevedra. A detida circulaba nun Renault 19 en dirección a Vigo, pero utilizando os carrís sentido A Coruña.
Segundo a Garda Civil, os accidentes producíronse porque os condutores dos vehículos implicados intentaron evitar a colisión frontal contra a infractora, véndose obrigados a desprazarse bruscamente á beiravía golpeando contra os valos de protección da calzada.