'SúperPeixiño', o heroe dos produtores de pesca de Marín, pásase ao cómic
Por Redacción
'SúperPeixiño', o heroe nutricional creado pola Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (Opromar) para animar aos máis pequenos a consumir peixe, pásase agora ao formato cómic.
Esta é xa á terceira edición da campaña de Opromar para promocionar o consumo de peixe entre o público infantil e decidiron crear un cómic que explica a historia deste personaxe.
Protagonizado por Martiño, a historieta mostra as diferentes artes de pesca, as principais especies capturadas pola frota de Marín e a orixe do heroe creado pola organización pesqueira.
Para minimizar o impacto ambiental, é dixital e pódese ler desde calquera dispositivo móbil na web da campaña ou se pode descargar en pdf.
A historia inclúe dous retos que, se son superados polos pequenos lectores, poden traducirse en premios: unha maqueta woodmodel, para os 100 primeiros participantes que os completen, e unha das tres Nintendo Switch que están en xogo.
'SupePeixiño' chegou a colexios de Galicia e Castela e León cunha iniciativa que combina aprendizaxe, diversión e fomento de hábitos de vida saudables, e nesta edición chegará tamén a Madrid coa colaboración do youtuber infantil TeamNico, quen ten preto de catro millóns de seguidores na súa canle e dedicou un dos seus programas ao super heroe con forma de peixe.
Nico Basanta deu a coñecer aos seus subscritores o cómic protagonizado por 'SúperPeixiño', así como os retos que este inclúe, cos que se poden gañar diferentes agasallos entrando na páxina web habilitada por Opromar.
O prazo do concurso acaba o 14 de decembro e os premios entregaranse o próximo día 20 nunha gala no Teatro Luchana de Madrid. Ademais dos finalistas, no evento participarán as alumnas e alumnos dos centros madrileños que se sumaron á iniciativa, quen gozará co material promocional da campaña e coa actuación do grupo 'Tatira', que representará unha obra de teatro baseada no cómic.