Un padriño de 97 anos para dar a benvida ao renovado centro social da Choupana
Por Redacción
O centro veciñal da Choupana, na Escuadra (A Lama) renovouse para recuperar o esplendor e o uso que tiña cando foi construído no ano 1925, ser punto de encontro da poboación. Este martes tivo a súa posta de longo e, para inauguralo, contou cun padriño de excepción, Manuel Rodríguez Couceiro, de 97 anos.
Manuel Rodríguez foi o encargado de descubrir a placa inaugural, último paso despois dunha rehabilitación que devolveu a vida ao centro cando estaba en risco de derrube.
A rehabilitación realizouse cun orzamento total de 48.500 euros froito de sucesivas axudas da Xunta de Galicia entre 2020 e 2022.
O acto inaugural congregou numerosos veciños que encheron por completo este centro veciñal, entre eles, o tenente de alcalde da Lama, David Carrera.
A inauguración tivo un carácter moi entrañable e participativo xa que os presentes interactuaron a través dun faladoiro sobre fotografías antigas da parroquia que se foron proxectando e comentando polo presidente da asociación de veciños da Escuadra, Daniel Vidal.
A Choupana construíuse no ano 1925 con achegas de veciños dos barrios do Peso, Chozas, Carrizáns e O Verdugo. Puxeron materiais, man de obra e cartos para levantar esta edificación veciñal que tería, entre outras funcións, a de ser Casa da Festa.
Consérvanse documentos que así o acreditan e que relacionan tamén os donativos feitos polos fundadores.
Como recordo do edificio antigo un veciño fixo un banco con respaldo coas vigas orixinais e tamén se reproduciu fielmente un texto que se encontrou nunha das paredes de cal que di: "Viva la orquesta".