Hora e media ás portas do centro de saúde de Ponte Sampaio á espera dunha chave
Por Redacción
Longa e fría espera a que tiveron que realizar na mañá deste mércores os pacientes que tiñan cita para o centro de saúde de Ponte Sampaio. Cando chegaron os primeiros ás 8.00 horas, a porta estaba pechada e unha enfermeira atopábase na porta porque non tiña chaves para acceder. A partir de aí, tocoulles unha espera dun hora e media ata poder entrar.
Tal e como relataron os pacientes afectados, durante esta semana non teñen atención médica, senón só de enfermería. Un profesional desta especialidade acode cada mañá para prestar atención básica á poboación e na mañá deste mércores tiñan citas para a realización de analíticas de sangue ou probas como o control do Sintrom.
A enfermeira á que lle tocaba realizar o servizo este mércores chegou á súa hora, un pouco antes das 8.00 horas da mañá (a esa hora abre o centro), pero non puido entrar porque non tiña chaves e ninguén acudiu a abrirlle a porta.
Aos poucos minutos chegaron os primeiros pacientes e atopárona na porta. Ninguén sabía onde estaba a chave nin a quen lle correspondía abrir a porta.
Buscando unha solución, a profesional acudiu ao bar máis próximo ao centro de saúde para preguntar se tiñan chave e unha traballadora respondeulle que non. Con todo, pouco despois apareceu a solución, pois si que existe unha copia da chave neste negocio, pero a cargo do dono.
Así as cousas, finalmente, ás 9.30 horas deste mércores as portas do consultorio abríronse e puido empezar a atención normal aos pacientes.
Fontes consultadas por este xornal indicaron que normalmente un traballador acode cada mañá a abrir e pechar o centro, pero non saben o motivo de que este mércores non acudise.
Un dos pacientes afectados relatou a PontevedraViva que tiña cita para as 8.15 horas para o control do Sintrom e, cando chegou, a porta estaba pechada e máis pacientes esperando. Quéixase desta falta de organización, pois "se che din que hoxe non traballan, pois non traballan e punto, pero resulta que envían aquí á enfermeira, pero non ten chave".
"É unha vergoña", relata. No seu caso, tampouco corría présa a atención para recibir, pero "hai moita xente que viña para cousas máis importantes". É a primeira vez que acudía esta enfermeira e lamentan que tivese que atoparse con esta situación.
Fontes oficiais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmaron que a situación estaba "subsanada", procedéndose á apertura do consultorio.
Relacionadas:
-
Indignación en Ponte Sampaio por outro mes sen médico: "En agosto estamos todos sans? Ou é que somos de segunda?"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ponte Sampaio queda sen médico no centro sanitario en agosto ata que se atope un suplente
Por Redacción |
-
O centro de saúde de Ponte Sampaio, momentaneamente sen médico á espera do novo titular
Por Redacción |
-
A incorporación dun novo facultativo garante a continuidade da atención primaria en Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Rematan as obras no Consultorio de Ponte Sampaio e o Sergas confirma a incorporación do médico este luns 14
Por Redacción | Creada e actualizada