Tranquilidade: o polbo da praza de abastos non se foi, está a se limpar e regresará
Por Natalia Puga
Onde está o polbo da praza? A instalación da nova decoración de Nadal do mercado municipal de Pontevedra, inaugurada o pasado luns, supuxo un cambio nas instalacións que nos últimos días está a xerar moitas dúbidas entre a cidadanía porque supuxo substituír o famoso polbo xigante que se instalou hai un ano e que xa se converteu nun elemento que a xente identifica co Gastroespazo.
O polbo instalouse en decembro de 2021 como parte da decoración de Nadal daquel ano e volveuse tan popular que en xaneiro, pasadas as festas, a concellería de Promoción Económica decidiu deixalo de forma permanente, como un elemento máis da decoración do mercado.
Este ano, no lugar que ocupaba ese polbo xigante no teito da entrada do edificio, instaláronse uns peixes de fantasía acordes coa nova decoración, retirándose o coñecido cefalópodo.
Ante as preguntas recorrentes da cidadanía, e a preguntas de PontevedraViva, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, confirmou que o polbo non dixo adeus ao mercado, senón tan só un ata logo durante as festas.
Así, aproveitouse a instalación da nova decoración para retiralo e realizar un proceso de limpeza que xa se facía necesario porque, tras un ano no teito do mercado, o animal estaba manchado pola acción de animais como gaivotas ou pombas.
Unha vez que termine o proceso de limpeza e acaban estas festas, volverá instalarse e ocupará de novo o lugar no que a poboación xa o bota de menos.
Relacionadas:
-
O Mercado de Abastos inaugura a súa iluminación cun "coidado absoluto polo medio ambiente"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Comerciantes, hostaleiros e empresarios acudirán á inauguración do Nadal no mercado
Por Redacción |
-
O mercado adianta o seu Nadal e iluminarase 11 días antes que o resto da cidade
Por Natalia Puga |