Un ano de prisión para un home que se tirou ao Lérez en pleno inverno para escapar da Policía
Por Natalia Puga
Un ano de prisión. É a condena que deberá cumprir un home de nacionalidade marroquí que en xaneiro do ano 2021 tirouse ao río Lérez para tentar escapar da Policía Local, que o seguía porque tiña en vigor unha orde de ingreso en prisión.
Os feitos ocorreron sobre as 16.30 horas do 11 de xaneiro e, segundo consta na sentenza condenatoria, o home viaxaba como ocupante nun vehículo pola zona de San Antoniño cando o viu unha patrulla da Policía Local e comprobou que tiña vixente unha orde de ingreso de prisión.
Os axentes avisaron a unha patrulla para que procedesen a interceptar o vehículo e así o fixeron. Un policía pediulle que se identificase e o agora condenado deulle un nome falso, polo que o axente pediulle que se baixase a máscara.
Nese momento, o sospeitoso negouse e, cando o axente se dispoñía a baixarlle a máscara el mesmo para comprobar se realmente era el, reacción agredíndoo.
Así, "con ánimo de menoscabar o principio de autoridade", propinoulle un empuxón que o fixo caer contra o vehículo policial.
Nese momento interveu o outro policía da patrulla e, "con idéntico ánimo", o acusado propinoulle un golpe co cóbado no peito que o fixo caer ao chan.
A continuación, o acusado fuxiu correndo do lugar e lanzouse ao río Lérez, onde finalmente foi detido.
Os feitos son constitutivos dun delito de atentado polo que o condenou en primeira instancia o Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra. Tras o recurso do condenado, a sección cuarta da Audiencia Provincial confirmou tanto os feitos como a condena.
O condenado recorreu ante a Audiencia alegando erro na valoración da proba e incorrección da norma penal aplicada e pediu que o condenasen por un delito de desobediencia e se lle suspendese a execución da pena, pero a Audiencia decidiu desestimar o seu recurso.