Amplían o prazo de autorización das terrazas en Marín ata catro anos
Por Redacción
A renovación para a instalación de terrazas e veladores en Marín axilizarase a partir de 2023. Marián Sanmartín, concelleira de Medio Ambiente e Benestar Social, anunciou que a partir do aninovo o empresariado da hostalería que precise renovar a súa licenza para instalar este mobiliario nas rúas da vila soamente terá que encher un formulario que se atopa na sede electrónica.
Ata o de agora era necesario solicitar desde cero a licenza, coa obrigación de presentar todos os anos toda a documentación requirida para a súa concesión. A partir desta decisión simplifícase o procedemento tanto para que a hostalería como o Concello realicen esta tramitación de maneira máis sinxela.
Os demandantes deberán indicar os seus datos e os do local, ademais do prazo de ocupación da vía pública: anual, por tempada (do 1 de xuño ao 30 de setembro) ou por meses completos, indicando neste caso cal sería o mes inicial e o de finalización.
Tamén deberán escoller a modalidade de pago, tendo como opcións un pago único ou fraccionado en tres cotas de igual cantidade, posibilidade que só terán aqueles que fagan unha ocupación anual de vía pública.
A solicitude tamén inclúe a posibilidade de pedir esta autorización e vai estenderse dun ano a catro, mentres que ata o de agora só era posible facelo por unha anualidade.