San Xoán e San Salvador estrean novo mobiliario urbano construído con material de refugallo
Por Redacción
Nas últimas semanas os operarios do Concello de Poio procederon á dotación de novo mobiliario urbano en diferentes lugares das parroquias de San Salvador e San Xoán.
O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, explicou que "o que se fixo foi habilitar bancos de construídos con material de refugallo, moitos dos cales xa están a disposición da cidadanía en lugares coma Anafáns, Liñares ou Saíñas".
Ademais, no caso da Caeira, fíxose unha modificación con respecto aos orixinais. "Habilitamos uns respaldos nos bancos de pedra existentes en zonas nas que non se podía acometer perforación, para non danar a impermeabilización do espazo", indicou.
Estes novos asentos resultan "moito máis ecolóxicos e respectuosos coa contorna" e serven para substituír a outros elementos que se atopaban nun importante estado de deterioro.
Julio Casás lembra que esta iniciativa municipal dá continuidade á iniciada en meses anteriores, coa dotación de papeleiras máis ecolóxicas en zonas como o casco histórico de Combarro.
O concelleiro sinalou que desde a Concellería de Obras "facemos un seguimento periódico do estado no que se atopa o mobiliario urbano, para ver en que lugares é preciso actuar". Sobre esta cuestión, Julio Casás incide na importancia de que a cidadanía se implique á hora de dar parte sobre calquera tipo de incidencia, poñéndose en contacto co Concello a través da Liña Verde, ben sexa a través da páxina web www.lineaverdepoio.com ou descargando a aplicación para móbiles, de uso totalmente gratuíto.